Friday 22 de November de 2024

O Concello acollerá o vindeiro 13 de agosto o “I Torneo Cidade de Narón de Mus”


A primeira edición do Torneo Cidade de Narón de Mus celebrarase o vindeiro 13 de agosto na cidade. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá o evento xunto cos representantes da Asociación MUSNAR, José Martínez, David Díaz e Manuel Lorenzo; presidente, vicepresidente e vocal, respectivamente.

Oreona recordou que o periodo de inscrición, para as persoas interesadas en participar neste torneo, permanecerá aberto ata o venres día 12 cun límite de 50 parellas participantes. Os representantes da entidade incidiron en que as inscricións deberán formalizarse por vía telefónica no número 649 32 53 59 (David). Este torneo é clasificatorio para a participación no XI Máster internacional Pamplona 2023, prazas pre-master, e para o V Campeonato Galego.

Os representantes da asociación local MUSNAR valoraron a colaboración do Concello a través do Padroado de Deportes, que permite levar a cabo a primeira edición deste Torneo Cidade de Narón de Mus, que responde á demanda achegada á entidade pola tradicional actividade que practican moitas persoas ao longo do tempo. José Martínez informou que se prevé a participación de parellas a nivel local e comarcal; a nivel provincial, de Lugo, Ourense e Pontevedra; e outras Comunidades autónomas como Asturias e Madrid.

O edil de deportes agradeceu o traballo que realizan desde a entidade para impulsar unha actividade que ten unha tradicional acollida por moitas persoas e manifestou o respaldo do Concello nesta liña.