Friday 22 de November de 2024

O Trofeo Teresa Herrera recadará fondos para familias ucraínas refuxiadas en Kharkiv


O Real Club Deportivo competirá contra o equipo ucraíno Metalist

O FC Famalicão viaxará dende Portugal para xogar contra o Dépor Abanca e celebrar unha década da inclusión do fútbol feminino no Trofeo

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá no Pazo Municipal a 77.ª edición masculina e 10.ª feminina do Trofeo Teresa Herrera, “un dos trofeos con máis raíz na nosa cidade que verán tras verán nos achega o fútbol dende unha perspectiva menos competitiva e máis amistosa poñendo en valor o xogo e a
deportividade”. Na presentación estivo acompañada do presidente do Real Club Deportivo, Antonio Couceiro, quen concretou os detalles sobre o evento futbolístico que terá lugar o vindeiro sábado 13 de agosto no estadio de Riazor.

Este ano o Teresa Herrera acollerá dous equipos estranxeiros que xogarán contra o RC Deportivo e o Dépor Abanca. O club FC Famalicão, procedente de Portugal, competirá contra o Dépor Abanca ás 18.00 h, co que se conmemora unha década da inclusión do fútbol feminino no trofeo. “Un feito que chegou tarde como outros moitos, pero que non debemos deixar de celebrar” sinalou a alcaldesa.

Pola súa banda, o RC Deportivo xogará o amistoso contra o Club Metalist Kharkiv, de Ucraína. Este terá lugar ás 20.30 h no estadio de Riazor, nunha mostra de apoio ás familias vítimas da invasión rusa. Ademais, este ano o Teresa Herrera destinará os fondos da fila 0 á Asociación AGA Ucraína para o seu traslado a unha ONG local de Kharkiv, encargada de axudar a familias refuxiadas no estadio do Metalist así como a veteranos e feridos de guerra. “Unha acción que se suma a todas as promovidas, tamén dende o Concello, dende a invasión en Ucraína mostrando que A Coruña é unha cidade con valores sociais da que podemos sentirnos moi orgullosas e orgullosos” destacou a rexedora. As achegas poderán facerse a través do número de conta ES7320800000723040270691 (ABANCA).

Durante a mañá do sábado 13 de agosto realizarase a tradicional ofrenda floral a Teresa Herrera na igrexa de San Nicolás. Un acto que foi retomado a inicios do mandato polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de poñer en valor unha figura emblemática da historia coruñesa. Terá lugar ás 13.20 h e será aberta á cidadanía.

Trofeo Mini Teresa Herrera
O Trofeo Teresa Herrera terá a súa rúbrica na mañá do sábado, a partir das 10.30 h, cos equipos benxamíns e prebenxamíns. O Ural Español CF enfrontarase ao CD Calasanz na final da categoría prebenxamín, sendo os xogadores máis pequenos do trofeo; mentres que os benxamíns do Ural competirán contra o RC Deportivo disputando o trofeo na final. Os partidos levaranse a cabo de forma simultánea, a medio campo.

A alcaldesa sinalou que “esta é unha oportunidade para ver o talento coruñés, que se poderá gozar en dous partidos que sei que estarán cheos de emoción, nervios e moito talento, porque na Coruña temos unha boa canteira de futbolistas para moitos, moitos anos”