A programación cultural destinada a público familiar continúa coa súa andaina neste verán. A Pobra será escenario na vindeira semana de tres novas actividades enmarcadas na axenda posta en marcha pola Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
A música soará no día 11 con Astronauta sideral, de Uxía Lambona e a Banda Molona, composto por numerosos temas para cantar e bailar ao ritmo de diferentes estilos, recuperando así a música tradicional galega e actualizándoa para os nenos e nenas. Será ás 20.30 horas, no Cantón da Leña.
Posteriormente, Sarao Producción & Animación transitará pola vila no día 12, a partir das 22.00 horas, coa súa exhibición Thea, deusa da luz, que se inspira nesta divindade da mitoloxía grega que era a titánide da visión e quen lles outorgaba brillo ao ouro e ás pedras preciosas.
E o baile correrá a cargo de El tomaSON, no día 14, das 20.30 horas en diante, coa demostración A Pobra baila!, que se executará no Cantón da Leña, con máis de 40 alumnos e alumnas de tódalas idades, ao ritmo de 14 estilos, no 20.º aniversario da escola.