Trala aprobación do estudo de impacto ambiental e trazado para a circunvalación de Ribeira feita onte polo Consello da Xunta, o BNG demanda o cumprimento dos acordos plenarios acadados e se faga un estudo sobre un trazado alternativo máis económico e con menor afección social e ambiental.
O portavoz nacionalista na localidade, Luís Pérez Barral, recrimina a estratexia do Goberno galego por aprobar o proxecto no mes de agosto, “demostrando que desexan evitar que a xente se entere e proteste”. Por outra banda, tamén acusa ao alcalde ribeirense de pospoñer a realización do estudo comparativo para, segundo di, darlle marxe á Xunta a aprobar o trazado actual. Pérez Barral lembra que Ruiz está incumprindo varios acordos ao excluír, deliberadamente, o trazado proposto polo BNG para facer a circunvalación mellorando a estrada que vai de Xarás a Frións. “O alcalde non ten nin o mínimo interese en buscar o consenso e por iso o seu partido, tanto no Concello como na Xunta, amosan unha falta de talante diante dunha actuación que prexudica á veciñanza e compromete o futuro de Ribeira nas próximas décadas”.
No BNG entenden que impoñer o proxecto proposto pola Xunta, provocará problemas de tráfico no entorno de tres centros educativos, terá maior custo ambiental ao realizar grandes movementos de terra, maior afección social ao pasar por núcleos habitados e propiedades e implicará un maior custo económico porque se ten que facer unha estrada nova na que se inclúe algún viaduto.
O BNG defende a alternativa de facer a circunvalación pola estrada de Frións-Xarás
Pérez Barral incide na necesidade de facer un estudo no que se valorara a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.
Desde o BNG non imos desistir desta reivindicación pois cremos que o proxecto de realizar a circunvalación por Frións é máis económica, non afecta á poboación e afecta menos ao medio natural. Seguiremos traballando para que non se impoña un proxecto feito polo PP de maneira unilateral e sen consenso.