Friday 22 de November de 2024

As Escolas de Arte e Superiores de Deseño da Coruña e Lugo, as primeiras en incorporarse ao modelo plurilingüe da Xunta


— Coa implantación do PluriArt nestas ensinanzas de réxime especial, dáse cumprimento a un dos obxectivos da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030

— A día de hoxe Galicia conta con 465 centros educativos plurilingües atendidos por 628 auxiliares de conversa e acada os 100.000 alumnos beneficiados

A escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso da Coruña e Ramón Falcón de Lugo son as primeiras de Galicia que se incorporan ao modelo de ensino plurilingüe da Xunta, tal e como se reflicte na resolución da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

No caso da Pablo Picasso, o modelo plurilingüe en inglés impartirase nos ciclos formativos de grao superior de Escultura Aplicada ao Espectáculo e no de Ilustración. Esta escola comprométese a desenvolver os mencionados ciclos formativos plurilingües cando menos durante dous anos, de tal xeito que o alumnado que se incorpore en primeiro curso poida completar os dous cursos do ciclo formativo. No caso da Ramón Falcón será no ciclo formativo de grao medio de Serigrafía Artística, que ten un ano de duración.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de estender por primeira vez no curso 2022-23 esta convocatoria ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño que se imparten nas escolas de arte e superiores de deseño en Galicia, de xeito que se completa así o modelo plurilingüe xa implantado nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Prórroga seccións bilingües
Doutra banda, e co fin de seguir favorecendo a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, o Diario Oficial de Galicia tamén publica a prórroga, por outros dous cursos académicos, das seccións bilingües en lingua inglesa na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, nos conservatorios profesionais de Música da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo e tamén no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Con esta acción dáse cumprimento a un dos obxectivos recollidos na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que inclúe entre os seus obxectivos estender o plurilingüismo ás ensinanzas de réxime especial.

Esta estratexia, dotada con 83M€ para a súa primeira fase de implantación de catro anos, ata 2025, está enfocada a consolidar e ampliar os programas de éxito desenvolvidos na última década e impulsar accións de alto impacto e especialización vinculados á inclusión, a innovación e a internacionalización.
Resultados satisfactorios
O modelo plurilingüe, que arrancou en Galicia no curso 2010-11 coa impartición de ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira en 58 centros, hoxe está implantado en 465, conta 628 auxiliares de conversa e acada os 100.000 alumnos beneficiados fronte aos 12.500 con seccións bilingües que había no curso 2008/09.

A isto engádese o nivel de recoñecemento do alumnado a través dos bos resultados obtidos nas probas de certificación e do grao de satisfacción amosado polos docentes, xa que case o 99% dos profesores coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados.