Friday 22 de November de 2024

O Pazo de María Pita acolle a presentación do sétimo Calendario Histórico, que recolle imaxes inéditas da Coruña do século XX


A publicación, editada por primeira vez pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez, achégase ao patrimonio cultural e arquitectónico da cidade remontándose a hai máis de cen anos

O Pazo Municipal de María Pita acolleu a presentación do Calendario Histórico 2023 da Coruña, que chega a súa sétima edición. A Fundación Wenceslao Fernández Flórez, que edita por primeira vez a publicación, contou co apoio do Concello e o patrocinio da compañía de Tranvías de cara a esta nova recompilación de fotografías e textos que recollen parte da historia da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada por José Luis Castro de Paz, presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, e Juan Ignacio Prada, director da Compañía de Tranvías, presentou hoxe o Calendario Histórico previsto para o ano que vén, que inclúe trece imaxes da Coruña do século XX, varias delas inéditas. Todas elas proceden da colección privada Bartolomé-Chavert, propiedade do coleccionista de fotografía antigua Alfonso Bartolomé, e achegan unha visión diferente do patrimonio arquitectónico e cultural da Coruña, con varias tomas en branco e negro datadas hai máis de cen anos.

Neste sentido, o calendario achégase a enclaves históricos da cidade como a praza de Mina e a rúa Juana de Vega, así como a paisaxes xa desaparecidas ou que mudaron case na súa totalidade con respecto á actualidade, como o antigo Kiosco de Música de Riazor, que foi demolido no ano 1921, e tamén as ruinas do castelo de San Amaro, que estaba localizado nas inmediacións do actual Club do Mar con vistas ao cemiterio mouro de Durmideiras.

Inés Rey puxo en valor “a perspectiva didáctica” do calendario, “que garda recordos moi necesarios para o seu traslado á cidadanía e que tamén nos axuda a comprender a importancia de coidar o noso patrimonio”. A publicación recolle, ademais, 600 fitos históricos ordeados día a día, “o que contribúe á difusión do coñecemento sobre A Coruña do pasado recente e pon en relevancia o traballo de documentación e arquivística que hai tras este proxecto, un traballo que, a miúdo, pode pasar desapercibido, pero que require tacto, minuciosidade e un amplo coñecemento das fontes e arquivos”, sinalou a rexedora.

O acto de presentación rematou cun coloquio a tres impartido por Rubén Ventureira, xornalista e autor dos textos do Calendario Histórico 2023; Alfonso Bartolomé, coleccionista de fotografía antigua e propietario do fondo do que se obtiveron as imaxes para a publicación; e Xosé Alfeirán, historiador e mestre. Ventureira, Bartolomé e Alfeirán detallaron, polo miúdo, o contexto histórico-social das fotografías escollidas, que amosan perspectivas da cidade con máis de un século de historia.

O Calendario Histórico 2023 da Coruña sairá á venda este sábado, cun prezo de 9,95 euros, nos quioscos e librarías da cidade.