Ata o día 21 de setembro, a Xunta instalará un stand neste certame turístico que se celebra en La Rochelle e no que tamén estará presente a entidade Portos de Galicia
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e a entidade Portos de Galicia, promoverá o turismo náutico da comunidade galega na feira especializada Grand Pavois, que se celebrará na cidade francesa de La Rochelle entre os días 16 e 21 de setembro.
Esta é a terceira edición consecutiva na que Turismo de Galicia participa nesta feira, co obxectivo de atraer navegantes do norte de Francia cara ao litoral galego.
Deste xeito, Turismo de Galicia instalará un stand de 48 metros cadrados no recinto feiral de La Rochelle, desde o que difundirá e dará a coñecer as instalación e servizos náuticos de Galicia, así como os recursos e os produtos turísticos relacionados co turismo náutico.
A feira Grand Pavois constitúe un dos principais escaparates para a promoción da náutica deportiva en Francia, xunto co Salón Náutico de París.
Celebrado por primeira vez no ano 1973, está catalogada como unha das feiras máis importantes de Europa no seu ámbito.
O salón conta con 100.000 metros cadrados de exposición e 860 expositores que representan a 35 países de todo o mundo.
Promoción do turismo náutico
Ao longo dese ano, Turismo de Galicia tamén participará no Salón Náutico de París, que se celebrará entre os días 5 e 13 de decembro.
Esta feira, que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo, é un dos eventos de referencia na náutica do Atlántico Europeo, con visitantes de todo o continente, nomeadamente do norte de Europa, Francia e o Mediterráneo.
Este ano, Turismo de Galicia instalará un stand de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, que se celebra hai máis de 50 anos, e no que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia participa desde hai 16.
Operadores turísticos especializados
Un dos aspectos máis importantes da presenza de Turismo de Galicia nestes dous eventos é a relación cos operadores turísticos especializados de Francia, un país no que a náutica conta cun gran desenvolvemento.
Ademais, Turismo de Galicia ofrecerá información específica sobre náutica recreativa ao público xeral que acuda a ambas as dúas feiras así como da oferta e os produtos turísticos da comunidade galega.