Friday 22 de November de 2024

Trenor visita o Campo de Voluntariado da Laracha no que se está poñendo en valor o Castro de Montesclaros


― O delegado da Xunta visitou aos participantes nesta actividade organizada pola Consellería de Política Social e Xuventude, para rapaces entre 18 e 30 anos

― A provincia da Coruña conta con 12 campos de voluntariado dos cales dous se organizan na comarca de Bergantiños-Costa da Morte: este da Laracha e un segundo en Ponteceso que terá lugar entre o 28 de agosto ao 8 de setembro

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitaron, hoxe aos participantes do campo de voluntariado da Laracha Castro de Montesclaros, no que 12 mozas e mozos procedentes de diferentes países e de diferentes localidades de Galicia e de España, participan en traballos arqueolóxicos de delimitación e limpeza do castro e do seu entorno.

Os asistentes teñen entre 18 e 30 anos e a súa estadía comezou o 26 de xullo e rematará o 6 de agosto

Durante este tempo, os voluntarios realizan tarefas de delimitación e limpeza da zona perimetrada e están levando a cabo o acondicionamento do camiño de acceso e a sinalización. Este campamento ofrece a oportunidade de descubrir diferentes tipos de culturas, costumes e modos de vida, xa que coñecen a cultura castrexa e a forma de vida celtíbera destacando o seu compoñente social.

Ademais, os participantes están realizando actividades complementarias de aventura, talleres medio ambientais e de debuxo arqueolóxico, xogos deportivos, rutas de sendeirismo e visitas culturais aos concellos da contorna.

Durante a visita, Trenor, recalcou que na provincia da Coruña a Consellería de Política Social e Xuventude organiza docecampos de voluntariado dos cales dous teñen lugar na comarca de Bergantiños-Costa da Morte o da Laracha e o de Ponteceso, que se levará a cabo entre o 28 de agosto e o 8 de setembro, na aldea do Couto e na desembocadura do río Anllóns, e consistirá na participación en diferentes eventos culturais do Concello e na posta en valor da historia da vila do Couto.

O representante do goberno autonómico destacou que “este tipo de actividades van encamiñadas a favorecer a convivencia, a participación e a tolerancia e solidariedade entre a xuventude a través da realización de labores voluntarias en actuacións de interese social”. “Ofrecen unha maneira diferente de pasar algúns días da época estival prestando un servizo á sociedade e fomentando o intercambio cultural”, finalizou o delegado da Xunta.