A Pobra do Caramiñal prepárase para outra das súas grandes festas do verán: o Carme dos Pincheiros. Unha tradición que se remonta a un par de séculos atrás cando os mariños que se dedicaban á pesca do pincho facían unha celebración na honra da Virxe do Carme cando remataban coa campaña no mes de agosto. E este ano regresa á localidade con forzas renovadas do 19 ao 22 tras dous anos de parada por mor da COVID-19. Así o deron a coñece-lo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e representantes da comisión de festas: Jean Louis Vaiarello, presidente; Jesús Maneiro, vicepresidente; e José Luís Piñeiro, José Francisco Fernández e Juan Ramón Fernández, vogais.
Unha das principais atraccións é o desfile de xigantes e cabezudos que alegrarán cos seus bailes as distintas rúas da vila en diferentes momentos ao longo dos catro días de celebración.
Este evento festivo destacará tamén pola participación de numerosos grupos de música tradicional e bandas de música de toda Galicia, ademais de orquestras e DJ, aínda que tamén con presenza do folclore doutros lugares de España. Máis dunha vintena de formacións musicais farán vibra-lo municipio ao seu ritmo: Trécola, a charanga Os Santiaguiños, a Banda de Música de Ribadumia, a Banda de Música de Caamaño, a Banda de Gaitas Ximiela, Xiada, Arume, Pequenos do Barbanza, Andavía, Caraveiros, a charanga Batukabras, a Banda Militar da Brilat, a Banda de Música de Catoira, a Banda de Calo, Arrancadeira, Queicoa, a Banda de Gaitas Sons da Ría, o Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e as orquestras Foliada D’Ases, Venezia, Finisterre, América SL e Marbella.
O pregón das festas ofrecerase no venres 19, ás 21.00 horas, dende o balcón da casa consistorial. Previamente, na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal terá lugar, ás 19.30 horas, a imposición de escapularios aos novos confrades para dar paso á misa solemne por tódolos confrades falecidos, cantada pola coral Lauda Sion.
Outra das actividades agardadas, especialmente pola mocidade, son os San Juerguines, que se desenvolverán no sábado 20 e que inclúe pasabares, festa da auga, olimpíada pincheira e a música de Planet Disco Móvil.
E, no domingo 21, ás 18.30 horas, oficiarase no xa referido templo relixioso a misa solemne na honra da Virxe do Carme, interpretada pola capela de música Lauda Sion. No remate, sairá en procesión a imaxe relixiosa portada por membros da Confraría do Santo Cristo, custodiada polas bandeirolas e a Banda Militar da Brilat, xunto coa Banda de Música de Catoira, o Grupo de Danzas sevillano Al-Saraf e os xigantes e cabezudos da Confraría do Carme dos Pincheiros, coa colaboración da escola de danza Asociación de Amas de Casa pobrense. No peirao realizarase a ofrenda das coroas de flores por representantes da Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores. Finalmente, lanzarase a tradicional traca de fogos.
A programación tamén inclúe propostas pensadas para as crianzas como xogos populares, festa da escuma e Pincheirolandia.
A gran queima de fogos de artificio e o combate naval no luns 22 serán o colofón da celebración.