O obxectivo é habilitar espazos ao aire libre para que os nenos poidan desfrutar dos xogos e nos que potenciar a convivencia e potenciar as actividades saudables.
O Concello abriu ao público os dous novos parques infantís creados recentemente no Igrexario de Erboedo e no campo da festa de parroquia de Soandres.
Estes novos equipamentos presentan similares características. Contan con tres unidades de xogos -columpios, balancín e tobogán-, cun pavimento continuo de caucho que reforza a seguridade dos usuarios ao mitigar a intensidade de posibles impactos no chan por caídas e cun valado de madeira que forma o peche perimetral.
Así mesmo, o Concello tamén vén de mellorar a zona de xogos da praza Maximino Canedo da Laracha incorporando unha tirolina que desde hoxe xa está a disposición dos usuarios. O novo equipamento foi instalado nun dos espazos verdes e a carón do parque infantil.
Desde o Concello estase a realizar unha aposta decidida pola modernización, renovación e ampliación dos parques infantís existentes, así como a creación de novos equipamentos. Nestas tres actuacións investíronse preto de 50.000 euros procedentes de fondos municipais co propósito de que toda a cidadanía, tanto residentes nas zonas urbanas como en núcleos rurais, poidan dispoñer de espazos de esparexemento modernos e seguros para os máis pequenos nos que desfrutar dos xogos ao aire libre, fomentar a convivencia e potenciar as actividades saudables.