Friday 22 de November de 2024

O Concello destina uns 255.000 euros á urbanización dun novo vial entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida Cataluña


O Concello destina unha partida de 254.883 euros ao proxecto que permitirá urbanizar o vial de nova apertura entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida de Cataluña. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que se trata dunha intervención “moi necesaria e que mellorará considerablemente a interconexión desa zona da cidade, cunha elevada densidade de tráfico que gañará en fluidez coa apertura do novo vial”. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas, recordou a rexedora local, dispoñen de prazo ata o vindeiro sábado, día 6, ás 15.00 horas para facelo a través da Sede Electrónica, donde está toda a información relativa a esta actuación.

Dende o goberno local realizáronse os trámites oportunos para poñer a disposición os terreos necesarios para acometer os traballos contemplados neste proxecto, para cuxa execución tamén será preciso demoler unha vivenda ubicada no tramo. Aos movementos de terras e pavimentación da calzada súmanse actuacións como a pavimentación das novas beirarrúas e a instalación de servizos –saneamento, abastecemento, electricidade, telecomunicacións…-, así como a de gas e rego e a sinalización horizontal e vertical. O vial terá un ancho total de 12 metros –incluídas as beirarrúas- e unha lonxitude de 56 metros, cunha dirección en sentido dende a Celso Emilio Ferreiro á avenida Cataluña.

Na zona verde ubicada que se habilitará plantaranse varias especies arbóreas, habilitarase un área de céspede e colocaranse baldosas de formigón hidráulico coloreado e revestimento coloreado, así como baldosas de formigón táctil coloreadas. Así mesmo, dotarase esta área de mobiliario urbán, concretamente bancos e papeleiras.

“Continuamos humanizando os barrios da nosa cidade e esta é unha intervención nese ámbito, que permitirá habilitar no novo vial unha plataforma única e cun espazo verde e outro peonil que enlazará a nova rúa coa que se atopa perpendicular”, destacou Ferreiro, que avanzou que “seguiremos avanzando nesa liña con este proxecto e o xa iniciado na avenida da Solaina”.