Tuesday 26 de November de 2024

A Pobra reivindica a memoria histórica no Mes da Galiza Mártir


A Pobra do Caramiñal estende a todo o mes de agosto os actos conmemorativos co gallo do Día da Galiza Mártir. O concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), presenta a programación que se impulsa dende a Administración local como a posta en valor dunha data que, se ben se asocia á figura de Alexandre Bóveda, tamén supón unha homenaxe a tódalas persoas represaliadas polo franquismo. A este respecto, acompañado da concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), o edil incide na relevancia e responsabilidade por parte das institucións públicas de seguir traballando na recuperación da memoria histórica, polo cal o Concello pobrense conta no seu organigrama cunha concellaría dedicada a este ámbito.

O cartel iniciarase no día 9 coa representación de A señora de Forcadela a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns, no teatro cine Elma, ás 21.00 horas. Esta función baséase na biografía da mestra Josefa García Segret, extensible á doutras mulleres represaliadas no ámbito galego a partir de xullo de 1936. A docente foi detida no 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada á pena de morte, que se conmutou pola cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día. García Segret publicou en 1982 o libro autobiográfico Abaixo as ditaduras, editado por ela mesma, e grazas ao cal se coñecen as súas vivencias.

Xa no propio 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, efectuarase ás 12.30 horas a tradicional ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda, situada nas inmediacións da casa consistorial. Deseguido, arredor das 13.00 horas, os Xardíns de Valle-Inclán acollerán a exposición do bosquexo da escultura pola memoria histórica elaborada por Manuel Teira, o cal está previsto que se inaugure en novembro.

E, finalmente, no día 25 procederase coa proxección do filme Reboiras. Acción e corazón, de Alberte Mera. Será no teatro cine Elma, ás 20.00 horas. Esta longametraxe leva á pantalla un retrato de Moncho Reboiras dende a vertente humana e política. A súa vida e o seu pensamento son recreados a través de entrevistas a 28 testemuñas que compartiron con el distintas etapas da súa traxectoria vital. Inclúe, ademais, filmacións históricas e revive as súas últimas horas mediante secuencias de ficción.

A entrada a todas estas actividades é libre ata completa-la cabida.