Friday 22 de November de 2024

Sábado 27 de agosto: XIII Feira Rural de San Sadurniño


O Concello abre o prazo para que os expositores reserven sitio no evento

 

A finca da Cortiña converterase o último sábado de agosto no lugar de referencia para reivindicar, un ano máis, o potencial que ten o noso medio rural como espazo vivo e cheo de oportunidades para un desenvolvemento sostible. A Feira Rural chega á 13ª edición con moita variedade de produto fresco e elaborado, maquinaria, flor e planta, artesanía e artigos de segunda man. Ademais tamén haberá tres exhibicións caninas, catas, obradoiros infantís, sorteos e o tradicional concurso de froita autóctona da zona con premios para os mellores lotes.

Este ano un dos protagonistas será o Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, que está botando a andar en Moeche coa elaboración das primeiras conservas de horta e froita, principalmente marmeladas, pezas confeitadas en almibre e zumes.

Na Feira Rural poderemos probar algúns dos seus produtos e informarnos sobre como entrar formar parte deste proxecto colaborativo que nos ofrece os medios e a formación necesaria para dárlles aos excedentes da terra -e ao mel- un maior valor engadido. Podedes ampliar información na web afusquenlla.gal.

Pero o sábado 27 de agosto teremos máis cousas nun programa ininterrompido que arrancará ás 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde: visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos con prácticas de poda e enxertado, obradoiros de lambetadas con froita para a rapazada, exhibición de acurrado de ovellas con cans e concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de vales canxeables no comercio local, música ao vivo coa AC Aires da Ría, cantares do Cego de Matamá e Aldariña de Candeán… e, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.

Solicitude de postos
Toda a información sobre a feira pode consultarse neste apartado, onde tamén se encontran as bases do concurso da froita autóctona e as follas de solicitude para os expositores e expositoras que queiran vir vender o seu produto.

O último día para reservar espazo nos sendeiros da Cortiña é o 23 de agosto ás 14:00h. Para iso será necesario rexistrar a petición presencialmente, a través da Sede Electrónica ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña).

A superficie máxima serán 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas na ordenanza reguladora en tramos: 5€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 15€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 25€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse gratis, previa solicitude.

As cotas deberán pagarse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado 27 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.