Friday 22 de November de 2024

Unha media de 80 veciños e veciñas de Frades participaron en xullo nos Xoves de Praia


Unha media de oitenta veciños e veciñas de Frades participaron durante o mes de xullo na iniciativa “Xoves de Praia” que, durante catro días tivo lugar na praia de Barraña (Boiro). Nesta derradeira excursión do mes estiveron acompañados polos concelleiros de Cultura, Juan Carlos Portos; e Turismo, Jesús Francos.

Os “Xoves de Praia” conforman unha das actividades tradicionais do verán en Frades e unha das que maior participación rexistra. A expedición trasládase ata Boiro nun autobús que sae ás 10:00 horas de Frades e que vai recollendo ás persoas participantes nas súas respectivas parroquias, aos volve deixar nas mesmas paradas á última hora da tarde, xa que pasan toda a xornada na praia. De acordo coa normativa en vigor, durante o transporte será obrigatorio o uso de máscara.

O Concello de Frades ofrece outras cinco saídas para os xoves 4, 11, 18 e 25 de agosto, así como o xoves 1 de setembro. O prezo é de 7 euros por día ou 30 euros por mes completo para persoas empadroadas, prezos que se incrementan ata os 10 euros por día e os 40 euros por mes completo no caso de persoas non empadroadas. Os nenos e nenas ata 12 anos deberán aboar 5 euros por día. As reservas poden facerse no Concello de Frades (981 695 567) ata o martes anterior a cada saída.