O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións europeo
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá en Bruxelas na quinta reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR).
Neste encontro debatéronse dous ditames. Atendendo á actualidade, o maior debate centrouno un proxecto de ditame sobre a nova Axenda Europea de Migración, que está previsto que se aprobe na sesión plenaria de decembro. O CdR apoia as medidas da Comisión presentadas en maio pero defende a necesidade de involucrar en maior medida ás rexións e cidades e non só o nivel estatal. No ditame, o CdR lamenta que non se teña tratado o aspecto humanitario e anima a que a Comisión propoña medidas específicas para crear rutas seguras e legais cara Europa, así como a poñer en marcha sistemas para intercambiar coñecementos técnicos e compartir boas prácticas.
Nesta liña, e como portavoz na comisión CIVEX, Gamallo propuxo a creación dun observatorio permanente no seno do CdR encargado de analizar o cumprimento da Axenda Europea de Migración. En concreto, trataríase dun mecanismo para o intercambio de experiencias e boas prácticas que favorecese a acollida e integración en mellores condicións destas persoas.
A Xunta de Galicia xa adiantou que traballará coas ONGs e coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar a acollida de refuxiados e unificar os recursos e servizos dispoñibles para dar resposta ás necesidades destas persoas. O goberno galego e moitos concellos xa se teñen ofrecido a acoller refuxiados sirios, e a Xunta xa anunciou a posibilidade de ofrecer 300 prazas de titularidade autonómica, que se ampliarán coas que se oferten desde outras administracións e entidades.
Novas medidas da Comisión Europea
No encontro, os membros de CIVEX abordaron as novas propostas da Comisión Europea, que o pasado mércores presentou os mecanismos de reubicación de emerxencia que permitirán aliviar a presión nos países da UE máis afectados pola crise dos refuxiados, como Grecia, Italia e Hungría, ao propoñer a reubicación de 120.000 persoas necesitadas de protección internacional noutros Estados membros. Esta cifra engádese ao traslado de 40.000 persoas dende Grecia e Italia que xa foi proposto en maio. Entre estas medidas anunciouse tamén a posta en marcha dun fondo fiduciario de 1.800 millóns de euros para atacar as causas da migración en África.
Este ditame sobre a Axenda Europea de Migración recibiu 65 emendas, entre elas destacan as que chaman a atención sobre a necesidade de actuar con rapidez para salvar vidas nas rutas de entrada por terra, ademais de por mar, xa que as primeiras téñense incrementado en gran medida durante este verán.
Lexislar mellor
Os representantes rexionais e locais tamén mantiveron un primeiro debate sobre o paquete de medidas presentado pola Comisión Europea para lexislar mellor. O CdR pretende con este ditame que a mellora da lexislación sexa unha prioridade política da Comisión, co obxectivo de contribuír a profundizar no mercado único, reducir a burocracia e lograr unha maior transparencia.
Por último, presentouse o informe sobre as eleccións locais celebradas tanto na República de Moldavia como en Albania, ás que acudiron sendas delegacións procedentes de países europeos, incluídos membros do CdR. As eleccións en Moldavia eran de grande importancia para o futuro da república tendo en conta que se celebraron co conflito de Ucraína como telón de fondo, e estiveron marcadas por distintos movementos separatistas. Pola súa banda, as eleccións locais celebradas en Albania, país candidato dende 2014, consideráronse unha proba do establecemento dun Estado de Dereito, da reforma da administración local e da loita contra a corrupción.
A comisión CIVEX do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión CIVEX encárgase de temas como a cidadanía activa, a política de inmigración e as relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido en febreiro como portavoz na comisión CIVEX para este novo mandato do CdR que rematará en 2020.