Monday 25 de November de 2024

Un bombeiro do Speis, Luis García, medalla de bronce nos Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros celebrados en Rotterdam


Un dos bombeiros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), Luis García, acadou a terceira posición nunha das probas dos Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros (WPFG) celebrados o pasado 30 de xullo en Rotterdam (Holanda). García participou na modalidade Stair Race, que consistía en subir un edificio de 44 prantas –un área dunha superficie total duns 160.000 metros cadrados- e realizou un tempo de 4:48 minutos.

Máis de 10.000 atletas procedentes de 80 países do mundo participaron nesta convocatoria, con máis de sesenta modalidades deportivas e á que se presentaba por primeira vez o bombeiro do Speis, presidente da ADC Bombeiros Narón.

O pódium desta proba estivo ocupado por tres españois, xa que o primeiro posto da proba foi para un bombeiro de Madrid e o segundo para outro de Zaragoza.
Dende o Concello felicítase publicamente a Luis García por ese destacado posto acadado nos Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros.