Cascarillarte oferta unha programación familiar centrada nos barrios, con ata quince espectáculos que levarán as artes escénicas por toda a cidade
As actividades complementaranse coas festas nos barrios, promovidas conxuntamente polo Concello e as entidades veciñais
As festas de María Pita estarán presentes na práctica totalidade dos barrios da cidade cunha programación familiar, orientada ao público máis novo, que poderá gozar da maxia, a música, o teatro, os malabares e o humor que se ofrece a través de Cascarillarte.
Con ata 15 espectáculos diferentes nas que as artes escénicas son as protagonistas, o programa festivo percorrerá as distintas zonas da cidade para lles achegar a cultura e a diversión ás coruñesas e coruñeses, con actividades pensadas para toda a familia e especialmente para o público infantil.
As Atochas – Monte Alto, Labañou e San Roque, a Agra do Orzán, Elviña e Monelos, o Ensanche, Oza – A Gaiteira e Os Castros, Matogrande, O Castrillón, Eirís, Palavea, Vioño,Os Mallos e Sagrada Familia, Santa Margarida e Mesoiro serán as zonas nas que a programación de Cascarillarte achegará as artes escénicas a todo o público.
A partir do mércores 3 e ata o 28 de agosto, a diversión encherá as principais prazas dacidade xa que é o humor o nexo común de todos os espectáculos que se desenvolverán nos barrios dentro da programación das festas.
Danza, teatro, clown, malabares, monólogos, contos, maxia, estarán presentes nos máis variados recunchos da cidade durante todo o mes, nunha programación que se complementará coas tradicionais festas nos barrios, que se concentran en Oza – A Gaiteira, O Castrillón, Labañou e San Roque, Eirís e Novo Mesoiro.
A posta en escena de Cascarillarte será o día 3, cun espectáculo de danza e teatro a cargo do dúo cómico madrileño Umami Dancetheatre, que representará na Mariña a obra ‘Agridulce’. A partir de aí, e xa o día 6, as artes escénicas trasladaranse aos barrios, comezando coas Atochas – Monte Alto, pois o Campo da Leña acollerá a Mere Clown ás 19.30 horas. O día 9 haberá actuación na praza das Conchiñas, o día 12 en Elviña, na zona das Paxariñas, e o 14 na praza de Pontevedra, para nos días posteriores levar os espectáculos ao resto de zonas da cidade.
Case todas as actuacións serán ás 19.30 horas, salvo nos casos do Castrillón, que será ás 12 horas, e Eirís e Mesoiro, con espectáculos ás 17 e 19 horas. Todos se desenvolverán en espazos abertos e públicos, aínda que hai sopesados escenarios alternativos no caso de que a climatoloxía sexa adversa.
Respecto ás festas nos barrios, os días 15 e 16 será a zona de Oza – A Gaiteira a que acolla as tradicionais verbenas, mentres que no Castrillón se celebrarán do 17 ao 19, co concerto de Heredeiros da Crus o día 18 na praza de Pablo Iglesias. O 20 haberá tamén verbena na praza da Tolerancia en Labañou, o día 23 no parque de Eirís e do 26 ao 28 será o barrio de Novo Mesoiro o que celebrará as súas festas.
Programación Familias
● 03/08, 19.30 horas, avda. Marina: Umami Dancetheatre.
● 06/08, 19.30 horas, campo da Leña: Mere Clown
● 09/08, 19.30 horas, praza Conchiñas: Peter Punk Pallaso
● 12/08, 19.30 horas, As Paxariñas-Elviña: Brais das hortas (música, narración e clown)
● 14/08, 19.30 horas, praza Pontevedra: Patty Diphusa (humor pícaro, malabares)
● 15/08, 19.30 horas, festas da Gaiteira: Kote Malabar
● 17/08, 19.30 horas, Matogrande: Tropa de trapo (contos con música)
● 19/08, 12.00 horas, festas do Castrillón: Galeatro
● 23/08, 19.00 horas, parque de Eirís: Paco Nogueiras (músico e actor)
● 24/08, 19.30 horas, Palavea: Martiña Soñadora (dúo musical para público infantil)
● 25/08, 19.30 horas, praza da Tolerancia: Marta Ortíz (contos cantados e contados)
● 26/08, 19.30 horas, parque de Vioño: Mago Paco
● 27/08, 19.30 horas, parque Santa Margarita: Títeres Alakran
● 28/08, 17.00 horas, festas de Mesoiro: Pablo Díaz (músico)
● 28/08, 19.00 horas, festas de Mesoiro: Mago Román