O Concello de Oleiros, en colaboración coas comisións de festas, está a traballar na prevención da violencia de xénero e outras violencias machistas durante as distintas actividades e actos festivos que se están a desenvolver no municipio. Ata o día de hoxe, as xa celebradas este ano, transcorreron con seguridade e normalidade e desde o Goberno municipal se agarda que as próximas de Lorbé, Oleiros, Santa Cruz, Perillo e Maianca se desenvolvan do mesmo xeito.
O Concello, xunto coas comisións de festas, está a dotar de ferramentas a toda a cidadanía para a prevención, detección e actuación fronte a violencia de xénero e outras violencias machistas durante as festas, facendo especial fincapé na prevención das violencias sexuais. Ademais da campaña informativa, proporcionaranse recursos e servizos especializados para, en caso de ser vítima ou testemuña dunha agresión, saber como actuar.
Ademais, publicarase o manifesto “Por unhas festas libres de violencias machistas” por parte das comisións de festas nas diferentes plataformas de comunicación coas que contan, no que se recolle o seu rexeitamento e condena ante estas violencias. Á par, enviaráselles ás empresas culturais e do espectáculo contratadas para amenizar os actos festivos un decálogo de boas prácticas para o fomento dunhas celebracións libres de prexuízos e estereotipos sexistas.
Porque non, non faltes á festa, pero de festa non faltes. Por unhas festas libres de violencias machistas!