Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame abre mañá o prazo de inscrición no programa Lousame Concilia


As solicitudes, que poden descargarse da web municipal, deberán presentarse nos Servizos Sociais do Concello antes do 22 de setembro

O Concello de Lousame abrirá mañá martes 15 de setembro o prazo de inscrición no programa “Lousame Concilia”, un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no CPI Cernadas de Castro entre as 7:45 horas e o inicio das clases (9:45 horas). Trátase dun programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición estará ata o próximo 22 de setembro no departamento de Servizos Sociais de Lousame, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O único requisito indispensable para poder participar é que o menor estea empadroado en Lousame, cunha antigüidade mínima de un ano.

Admisións

Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame valorará especialmente a situación laboral dos proxenitores. Así outorgará dous puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e con 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Para acreditar esta situación laboral, as familias deberán presentar a última nómina ou, no caso dos autónomos, o último recibo bancario.

No caso de que houbera máis solicitudes que prazas, en caso de empate a admisión realizarase por rigorosa orde de inscrición, é dicir, segundo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal de Lousame. Os impresos poderán recollerse nos Servizos Sociais de Lousame ou descargarse directamente da web municipal (www.concellodelousame.es). Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.

Así mesmo, o Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao Lousame Concilia en datas concretas durante o curso escolar. Para iso é preciso chamar ao 609 828 853 para reservar a praza.