Un total de sesenta veciños e veciñas de Frades aproveitaron este sábado para visitar a comarca do Ortegal, acompañados polo concelleiro de Cultura, Juan Carlos Portos. Durante a mañá, a expedición dividiuse en dous grupos para faceren dúas actividades totalmente diferentes.
Así, o grupo máis numeroso aproveitou para visitar o faro de Estaca de Bares e o pobo do Barqueiro, mentres que unha vintena de rapaces e rapazas facía unha ruta en caiac polo río Sor, con saída do pobo do Barqueiro e visitando as praias da zona ata o porto do Vicedo. Tras un xantar conxunto, a expedición fixo unha visita a Ortigueira e Espasante.
Excursión a Navarra
Así mesmo, o Concello de Frades abre hoxe o prazo de inscrición nunha excursión a Navarra e á Rioxa, que terá lugar do 22 ao 25 de setembro. Unha saída que inclúe visitas a localidades como Pamplona, Tudela, Olite, Ujué, Sangüesa, Puente de la Reina ou Santo Domingo de la Calzada.
O prezo da viaxe é de 315 euros e inclúe autobús, tres noites en hotel de 4 estrelas, comidas, seguros de viaxe e guías. Os nenos e nenas ata os 12 anos aboarán 200 euros. Inscricións ata o 31 de agosto no Concello de Frades, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio. A reserva de asento farase por orde de inscrición.