Friday 22 de November de 2024

O concello concorre á convocatoria de axudas do Goberno de España dirixidas a municipios de zonas afectadas pola transición enerxética


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou outorgar 132.000 euros en subvencións municipais a entidades e deportistas individuais.

Hoxe celebrouse unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local na que se acordou concorrer á convocatoria de axudas do Goberno de España para o financiamento de proxectos de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais en municipios de zonas afectadas pola transición enerxética no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (BOE nº 312 do 29 de decembro de 2021).

Un dos proxectos que presenta o Concello consiste na rehabilitación enerxética do edificio de servizos múltiples, situado na céntrica Avenida López Astray da Laracha. O inmoble consta de soto, planta baixa e tres plantas, e actualmente alberga o centro social da terceira idade. Os tres obxectivos principais, complementarios entre si, céntranse na mellora da sostenibilidade, a estética e a inclusión do edificio coa renovación da súa envolvente térmica e das instalacións de climatización e a colocación de xeradores de enerxía fotovoltaica. Implicaría a redución do consumo enerxético nun 83 % e a conseguinte diminución de emisións de dióxido de carbono (CO2).

O outro proxecto ten por obxecto a posta en valor de terreos de titularidade pública situados no entorno do parque empresarial da Laracha co propósito de aproveitalos para usos de interese comunitario mediante dúas actuacións diferenciadas.

Por unha parte, preténdese crear unha senda ciclopeonil que habilitaría no interior do polígono industrial plataformas independentes para os tres tipos de tráfico existente: vehículos, bicicletas e peóns. A intervención, que contaría con alumeado público alimentado por paneis solares, significaría potenciar a mobilidade sostible en condicións de seguridade e comodidade para os usuarios.

A outra intervención sería a rexeneración da zona verde situada nas inmediacións do parque empresarial para uso e desfrute da veciñanza tanto como espazo de recreo como para a práctica deportiva ao aire libre. O ambicioso proxecto contempla a plantación de árbores para cumprir a dobre función de diminuír a pegada de carbono e servir de pantalla acústica da zona industrial. Contaría con rego automático para aproveitar as augas pluviais que se recollen no entorno que estaría alimentado por placas solares. Os espazos de esparexemento serían dotados con mobiliario urbano (fontes, bancos, etc.) e, como zonas deportivas, habilitaríanse aparellos biosaudables, un parque de calistenia e un circuíto para bicicletas de montaña.

Os dous proxectos -rehabilitación enerxética do edificio de servizos múltiples e posta en valor dos terreos do entorno do parque empresarial- presentan un orzamento total superior ao millón de euros.
Subvencións entidades

Na sesión tamén foron adxudicadas as subvencións municipais da convocatoria dirixida ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas a título individual máis destacados.

Trinta e unha entidades e unha deportista individual -a totalidade das solicitudes presentadas- serán os beneficiarios desta liña de axudas ás que o Concello destina máis de 132.000 euros. O acordo foi tomado a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada asociación, número de eventos organizados, volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas. No apartado de deportistas individuais tivéronse en conta os resultados en competicións dos diferentes ámbitos xeográficos. Neste caso a convocatoria foi dirixida a aqueles deportistas que non realizaran a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas.

Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo para o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.