A alcaldesa da Coruña destacou a aposta do goberno municipal polo sector do libro co Bono Cultura nun nos peores momentos da pandemia
A Feira que comezou hoxe co pregón da escritora coruñesa Bibiana Candia, celebrarase durante 10 días e contará coa participación de trinta librarías e editoriais
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inaugurou hoxe unha das citas clásicas do verán, a Feira do Libro nos xardíns de Méndez Núñez, coincidindo co inicio das Festas de María Pita, que empezan esta noite co pregón a cargo de Carolina Iglesias e o concerto de James Blunt. Nesta edición da Feira da que foi pregoeira a poeta e escritora Bibiana Candia, unha das voces de referencia da literatura na Coruña, participarán unha trintena de librarías e editoriais e se desenvolverán máis dun centenar de actividades nos próximos dez días.
Inés Rey destacou o compromiso do goberno municipal co sector do libro nos peores momentos da pandemia a través do Bono Cultura e tamén mediante as axudas creación artístical. A alcaldesa lembrou que as actividades destes días estarán dedicadas a todos os públicos, con especial atención ao fomento da lectura entre a infancia e a mocidade. “A literatura é unha das claves do progreso”, subliñou a alcaldesa, para engadir que “ler libéranos e a cultura fainos comprender o mundo, adquirir unha conciencia crítica, especialmente na xuventude”, polo que desde as administracións non se debe deixar pasar este compromiso, promovendo medidas como o bono cultural do Goberno de España co que tanto mozos e mozas poderán gozar da cultura durante este ano.
A alcaldesa salientou o regreso á actividade cultural sen restricións, o que resulta fundamental nun evento de tan alta participación e interacción do público como é a Feira do Libro, con máis de medio século de historia, e que se ten consolidado como un dos eventos máis importantes do ámbito literario en Galicia, porque achegará á cidade o maior talento do momento e a oportunidade de compartir con autores e autoras reflexións, comentarios e visións que encherán os emblemáticos xardíns de Méndez Núñez de “amor polas letras”.
A rexedora non esqueceu lembrar a figuras da literatura que nos deixaron este ano, como Domingo Villar, escritor referente da literatura galega, ou Almudena Grandes, coa que “aprendín que a memoria e a literatura son sinónimo de xustiza”. Inés Rey convidou a todos os coruñeses e coruñesas e aos visitantes que cada ano desfrutan deste cita a recuperar o pulo da feira lembrando “un dito que subliña que un bo libro non é aquel que pensa por ti, senón aquel que che fai pensar”. Por tanto, desexou que as persoas que acudan a este evento merquen e invistan en todos eses libros que nos fan pensar e reflexionar sobre o mundo, porque “aínda que o saber non ocupe lugar, é marabilloso ver as librarías das nosas casas cheas de coñecemento”.