Organizadas por Turespaña congregarán 42 operadores turísticos especializados brasileiros e arxentinos
Turismo de Galicia promoverá en Brasil e Arxentina entre os días 16 e 22 de setembro os produtos galegos relacionados co turismo de compras, así como a artesanía da Comunidade galega e outras ofertas especiais para o público de alto nivel adquisitivo destes dous países suramericanos.
Así, Turismo de Galicia participará nestas datas nas ‘Xornadas directas de apoio á comercialización turística de luxo e compras’, organizadas por Turespaña, ás que están convidados 42 operadores turísticos especializados dos dous países.
Neste evento, Turismo de Galicia, ademais de promover o turismo urbano, fará especial fincapé na difusión da artesanía galega e as ofertas máis orientadas a este segmento turísticos, sobre todo as relacionadas co aloxamento nos pazos, e os produtos ‘Xardíns de Galicia’ e ‘Viños e camelias’.
Presentacións en Río de Xaneiro e Bos Aires
A cidade brasileira de Río de Xaneiro acollerá os días 16, 17 e 18 de setembro a presentación de Galicia aos 18 operadores turísticos especializados que asistirán divididos en grupos a esta xuntanza de traballo, que se desenvolverá no hotel Copacabana Palace.
Polo que respecta á promoción en Arxentina, o Faena Arts Centre de Bos Aires, acollerá o día 22 de setembro a xuntanza cos 24 operadores turísticos arxentinos especializados na contratación de viaxes de luxo, compras e ofertas especiais.
Visitantes brasileiros e arxentinos
Canto aos mercados brasileiro e arxentino, segundo a Enquisa en Destino Turismo de Galicia, o mercado brasileiro supón arredor do 4% do total internacional de Galicia no período 2011-14. Neste sentido sitúase como o segundo mercado americano en orde de importancia.
Arxentina sitúase como o principal mercado americano na nosa comunidade, representando entorno ao 8% do total internacional de Galicia no período 2011-14.
Nestes catro últimos anos o mercado arxentino rexistrou un incremento continuado en Galicia, cunha taxa promedio anual do 30%