O novo percorrido ciclable atravesará a rotonda das Paxariñas e permitirá levar a cabo tarefas de humanización na contorna
Este luns comezaron os traballos de execución das obras do novo carril bici que unirá os xa existentes en Pablo Picasso e a glorieta xunto ao mercado de Elviña, atravesando a rotonda das Paxariñas. Esta actuación forma parte do Programa de Fomento da Mobilidade en Bicicleta do EIDUS.
O Goberno de Inés Rey busca deste xeito darlle continuidade ao seu modelo de mobilidade sostible e establecer percorridos de longa distancia que lle permitan á cidadanía chegar aos diferentes puntos da cidade. Esta obra conta cun orzamento de 239.379,96 euros e un prazo de execución de tres meses. O proxecto supón a intervención de 1.200 metros cadrados para instalar 480 metros de carril bici unilateral e 170 metros de tramo bidireccional, que suman un total de case 800 metros de novos itinerarios ciclistas.
Este carril bici conecta dúas vías da rede ciclista existente: as de Salgado Torres – Pablo Picasso – UDC e Ramón y Cajal – Matogrande. Na actualidade, ambas as infraestruturas non se atopan conectadas de maneira eficiente, sobre todo pola problemática que supón o cruzamento da glorieta das Paxariñas, debido ao alto volume de tráfico e vehículos pesados, o que o converte nun itinerario pouco atractivo para as persoas ciclistas.
Os traballos suporán a construción do novo carril bici, a reordenación de espazos peonís e zonas verdes, instalación de pasos de peóns elevados nos ramais de Alfonso Molina para conseguir atenuar o tráfico, instalación de elementos de sinalización e balizamento para conseguir a seguridade adecuada para a convivencia entre medios de transporte, colocación de semáforos para regular a circulación ciclista, recolocación e mellora dos pasos de peóns, mellora da accesibilidade e o acondicionamento da parada de bus da rúa Álvaro Cunqueiro.
En canto á solución adoptada para a execución do carril bici, esta dividirase en tres tramos. O primeiro será o que transcorre pola rúa José Miñones Bernárdez e a conexión co carril bici da avenida de Salvador de Madariaga, outro o que atravesa a glorieta das Paxariñas e o último será o que conecta José Miñones Bernárdez e Pablo Picasso. Na primeira e na terceira zona instalarase un carril bici unidireccional a ambos os lados da calzada, seguindo a dirección do tráfico. Na zona das Paxariñas o carril bici quedará trasladado, de maneira bidireccional, a un dos lados da glorieta, e instalado na zona da beirarrúa, que será ampliada. Deste xeito, redúcese a inseguridade que podería supoñer para as persoas ciclistas realizar o percorrido dentro da calzada.
Por outra banda, esta actuación irá acompañada de melloras na accesibilidade e de humanización da contorna. Ampliaranse os cruzamentos, de maneira que se mellore a visibilidade. Tamén se procederá a ampliar os itinerarios peonís e a renovar os pavimentos.