Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade as novas ordenanzas de Administración Electrónica e de eliminación da taxa do PAI


Aprobadas tres mocións do PP sobre modernización ferroviaria e medidas en defensa das familias e do litoral

PP e PSOE rexeitan unha moción do BNG contra o permiso de vertido nas minas de San Finx

O pleno municipal de Lousame, reunido na noite do venres 29 de xullo en sesión ordinaria, aprobou por unanimidade e sen debate dúas ordenanzas: a de Administración Electrónica e a reguladora da taxa pola prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia. “No 2014 aprobamos a actual ordenanza sobre Administración Electrónica pero cambiaron moitas cousas dende aquela, sobre todo a nivel xurídico e técnico, polo que decidimos actualizala”, explica Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, quen indicou que o cambio na ordenanza fiscal do PAI “é para incluír a gratuidade do servizo establecido pola Xunta”.

A unanimidade mantívose tamén na aprobación da Conta Xeral de 2021 e no cambio da forma de xestión do Servizo de Axuda no Fogar, modalidade libre concorrencia. A alcaldesa lousamiá tamén dou conta do Período Medio de Pago correspondente ao segundo trimestre de 2022, que foi de 18,8 días. “Unha cifra moito mellor ca do trimestre anterior”, recoñeceu Teresa Villaverde.

Os tres grupos tamén lle deron o visto bo a un recoñecemento de crédito de 2.229,8 euros para o pago de catro facturas rexistradas en 2022 pero correspondentes a servizos prestados no 2021 e á adhesión do Concello de Lousame ao Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (Premadecor) da Deputación da Coruña, unha iniciativa que ten como obxectivo garantir unha axeitada xestión dos fondos Next Generation. Finalmente, a corporación municipal aprobou atrasar a próxima sesión plenaria ordinaria ata o venres 7 de setembro.

Mocións

Na quenda de mocións, a alcaldesa de Lousame deu lectura a un comunicado conxunto dos tres grupos municipais en apoio ao colectivo LGTBIQ, en contra de calquera tipo de odio e de solidariedade e apoio ás vítimas da violencia, cunha mención especial a Samuel Ruíz, agora que se cumpre un ano da súa morte. Así mesmo, o PP sacou adiante as súas tres mocións, mentres que o BNG viu rexeitada a súa.

O PP e BNG votaron a favor dunha moción sobre a modernización ferroviaria, na que lle solicitaba ao Estado que dotara a Galicia de trens avril que permitiran que a alta velocidade chegue a destinos como Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo. Así mesmo, esixiron unha planificación ferroviaria moderna para Ferrol e Lugo. A voceira do PSOE, Beatriz González, xustificou o voto en contra do seu partido en que “economicamente non é sustentable pola dispersión xeográfica existente en Galicia”. Pola súa banda, Teresa Villaverde insistiu en que “isto é algo que nos afecta a diario. Queremos o tren que merecemos e os trens que se contrataron”.

Os populares aprobaron en solitario unha moción de medidas urxentes en defensa das familias e da economía, que saíu adiante cos votos en contra do PSOE e a abstención do BNG. Nunha extensa moción, o PP esixíalle ao Goberno unha política nacional de mellora do gasto público, a toma de decisións que realmente cheguen ás familias e unha baixada selectiva de impostos.

Este último punto motivou a abstención do concelleiro do BNG, Anxo Moledo, para quen “o PP propón baixar os impostos cando está na oposición e cando están no Goberno os suben”. O PSOE xustificou o seu voto en contra no feito de que “é unha moción xeneralista” e en que “hai datos que non están contrastados polas autoridades europeas”. Teresa Villaverde lembrou que “a situación no é boa e xa hai tendencias de que o emprego non vai ir tan ben. Esperemos que banca e eléctricas non repercutan os novos impostos sobre os clientes”.

A mesma votación (PP a favor, PSOE en contra e abstención do BNG) repetiuse na moción popular en defensa do litoral e das súas praias. O PSOE xustificou a súa negativa en que “Lousame non ten costa e “hai casos sangrantes no litoral”. Ao que Teresa Villaverde respondeu que “pedimos voz para os concellos, xa que non estamos en contra da regulación, pero de forma racional. Hai instalacións, como as conserveiras, das que depende o traballo de xente de Lousame. O que queremos é que non se deslocalicen esas empresas”.

San Finx

Finalmente, PP e PSOE votaron en contra dunha moción do BNG na que rexeitaban a autorización de vertidos nas minas de San Finx. Anxo Moledo presentou o mesmo texto de Noia na que volveu a poñer en cuestión a fiabilidade das probas realizadas sobre a calidade da auga na zona e instou á Xunta a denegar o permiso de apertura da mina e, en caso contrario, a presentar contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

PP e PSOE amosaron o seu total apoio ao sector marisqueiro. “Temos o mellor berberecho do mundo. Houbo unha colleita moi boa e será mellor se as cousas se fan mellor”, afirmou en varias ocasións Teresa Villaverde. Afirmacións que foron corroboradas pola voceira do PSOE, Beatriz González, quen lle lembrou ao BNG que “hai análises de empresas que din que non hai esa contaminación que denuncia”. Un punto no que o voceiro do BNG admitiu que “non digo que o berberecho estea malo, senón que corre un risco”.

Pola súa banda, Teresa Villaverde concluíu que “a Xunta ten o máximo interese en que se instale a depuradora para evitar que a auga se siga a acumulando e saíndo ao río. Temos que ser conscientes de que a auga está saíndo naturalmente, non pola actividade mineira. Nós defendemos totalmente ao sector marisqueiro, pero creo que é máis negativo deixar as cousas como están que depurar e mellorar a contorna do río, como se pretende”.