Saturday 16 de November de 2024

A Pobra dá a benvida ao mes de agosto con tres espectáculos


Novas citas culturais desenvolveranse ao longo desta semana ao abeiro da programación para o verán dirixida ao público familiar impulsada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.

A función O estraño caso do dentista da rúa Brasov inaugura o mes de agosto desprazándose polo centro da localidade no día 2 para dar a coñecer, con maxia e clown, a peculiar historia dun odontólogo de Europa do leste que percorre co seu carromato pobos e cidades buscando clientes para a súa singular consulta ambulante. Comezará co seu itinerario ás 20.30 horas.

No día 4, a partir das 18.30 horas, A eira do Paporrubio trasladará ao Cantón da Leña un espectáculo-taller con xogos de toda clase e monicreques que incitan a converter ás persoas asistentes en fabuladoras, en creadoras.

E, na xornada seguinte, día 5, o Mago Richard interpretará unha serie de efectos máxicos extraídos do seu repertorio dos últimos 30 anos que sorprenderán ao público de tódalas idades. Será das 20.30 horas en diante, no Cantón da Leña.