Saturday 16 de November de 2024

Máis de 2.000 persoas danse cita no regreso da Festa do Cochiño


• Instaláronse un total de 87 carpas particulares; 27 ao longo do río na zona do aquapark, 32 no xardín botánico e 30 ao longo do río na zona do xeriátrico.

• A festa regresou por todo o alto tras dous anos parón pola COVID e non faltou a gastronomía a animación infantil e a música.

• O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, lembrou a importancia de manter e impulsar esta festa como patrimonio histórico do municipio

Hoxe tivo lugar no Acevedo a tradicional Festa do Cochiño e reuniu a máis de 2.000 persoas no seu regreso tras dous anos de parón pola pandemia Covid-19.

No evento, organizado polo concello coa colaboración da Deputación da Coruña, instaláronse un total de 87 carpas particulares distribuídas 27 delas ao longo do río na zona do aquapark, 32 no xardín botánico e 30 ao longo do río na zona do xeriátrico.

O alcalde destacou esta festa como un patrimonio histórico de todos os cercedenses que o concello manterá e impulsará. Lembrou, ademais, a gran cantidade de persoas foráneas que acudirán á cita durante o transcurso desta fin de semana no Acevedo.

Unha das citas gastronómicas e culturais máis esperadas do verán regresou a Cerceda dous anos despois e o polígono do Acevedo acolleu animación, música e por suposto a famosa preparación culinaria, o cochiño.

A xornada festiva arrincou co grupo Faíscas da Pontraga e o grupo San Martiño de Cerceda, que actuaron durante todo o día. Ao redor das 14.00 horas comezou a ansiada degustación do cochiño, e outros produtos como churrasco, polo ou o polbo.

De xeito paralelo ao festín tamén houbo inchables de balde para os máis pequenos durante a tarde e que compatibilizaron cun baño no Aquapark.

Xa na noite, non faltou a música coa actuación das orquestras Panorama e Os Satélites, que amenizaron a verbena ata a madrugada.