Friday 22 de November de 2024

A Xunta anima a visitar a Feira Mostrart, onde a marca Artesanía de Galicia exhibe toda a súa creatividade e serve de lanzamento para novos profesionais


— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na Coruña na inauguración desta iniciativa, que impulsa a Asociación Galega de Artesáns co apoio da Administración autonómica

— No encontro, que celebra a súa 38ª edición, participan un total de 71 obradoiros expoñendo os seus traballos, 51 de Galicia e 20 procedentes do resto de España, Francia e Portugal

— A futura Lei de Artesanía de Galicia que está en tramitación busca deseñar un marco xurídico que se adapte á nova realidade do sector e impulse a súa importancia social, económica e patrimonial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na inauguración da feira de artesanía Mostrart, organizada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta. Conde animou a participar no encontro, que se celebra nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña ata o 29 de agosto, no que, tal e como sinalou, a marca Artesanía de Galicia exhibe toda a súa creatividade e valor artístico, ao tempo que serve como plataforma de lanzamento para os novos profesionais do sector.

En Mostrart, que celebra a súa 38ª edición, participan un total de 71 obradoiros expoñendo os seus traballos, 51 de Galicia e 20 procedentes do resto de España, Francia e Portugal, o cal demostra a veteranía e proxección do encontro. Impúlsase así a comercialización de Artesanía de Galicia, a primeira marca propia dunha comunidade autónoma, e visibilízase e reivindícase o talento dos artesáns galegos para que o público poida aprezar o esforzo que está a facer o sector por adaptarse ás novas tendencias.

Neste eido, a Xunta está a tramitar a futura Lei de Artesanía de Galicia, coa que se busca deseñar un marco xurídico que se adapte á nova realidade do sector artesán e impulse a súa importancia social, económica e patrimonial. Entre os seus retos están a profesionalización, o emprendemento e a remuda xeracional; na divulgación do oficio artesán, vinculado co territorio e o desenvolvemento local; e na innovación e a internacionalización da marca Artesanía de Galicia, que na actualidade avala o traballo de 789 obradoiros galegos.