Friday 22 de November de 2024

James Blunt abre o ciclo de concertos gratuítos ‘As noites de María Pita’, con once citas musicais cunha ampla variedade de estilos


Do 1 ao 16 de agosto unha vintena de artistas encherán María Pita dunha grande e moi variada oferta musical

Luis Fonsi será a cita principal e previsiblemente a máis multitudinaria

Comezan as festas de María Pita 2022 con música e concertos para todos os gustos e para todos os públicos. ‘As Noites de María Pita’ poranse en marcha coa presenza, o luns, do británico James Blunt e cunha oferta especialmente variada e diversa, con once concertos gratuítos que sen dúbida serán un dos eixes principais deste mes de agosto na Coruña.

James Blunt, Edurne, Dani Fernández, Blas Cantó, Marlon, Ilegales, Macaco, Texas, Ana Torroja, Luis Fonsi, Carolina Durante, serán algúns dos artistas que os cidadáns e os visitantes da Coruña poderán seguir de maneira gratuíta desde o 1 ao 16 de agosto na praza de Maria Pita, nunha programación coa que o Concello da Coruña pretende atender a moitos dos estilos musicais e dos gustos da cidadanía.

Música para os máis novos e novas, para os nostálxicos, para os seguidores dos ritmos latinos, para o pop e rock alternativos, música para todos os públicos… ‘As Noites de María Pita’ ofertan un amplo catálogo de estilos e músicas para atender aos gustos dunha gran maioria, converténdose nunha das grandes citas das festas de agosto, que se complementará, ademais, coas alternativas que ofrecen o Noroeste Pop Rock e os grandes concertos do Coliseum que converten A Coruña nunha referencia no panorama musical nacional.

James Blunt o día 1, despois do pregón a cargo de Carolina Iglesias, abrirá o ciclo e será unha oportunidade única para escoitar en directo o seu xa mítico tema “You’re Beautiful”, que lle acadou a fama hai xa cerca de vinte anos.

A eurovisiva Edurne actuará o día 2. A polifacética artista volve aos escenarios despois da súa parada debido ao nacemento da súa primeira filla, e fará un percorrido polos sete discos posteriores desde o seu salto á fama en Operación Triunfo.

Dani Fernández será o protagonista o día 3 de agosto. O ex compoñente de Auryn é un dos artistas revelación nestes últimos anos grazas a colaboracións como as de Andrés Suárez e temas como “Dile a los demás” ou “Te esperaré toda la vida”.

O 4 de agosto será o turno para a gala Los40 Summer Live, coa principal atracción de Blas Cantó, eurovisivo e tamén ex compoñente de Auryn. Xunto ao cantante murciano actuarán na praza de María Pita Leo Rizzi, o grupo Marlon, Natalia Lacunza, Samurai, Depol, Lora, Polo Nández e Abraham Mateo.
Dos artistas máis novos pasarase o día 5 a unha das bandas míticas españolas como é Ilegales, que celebran coa súa xira o 40 aniversario do seu primeiro álbum aparecido en 1983, que dá nome ao grupo. As súas ácidas letras e a imaxe do solista Jorge Martínez caracterizan a un dos mellores grupos españois de rock.

Macaco e a súa mestura de rumba, reggae e funk estará coa súa banda o día 6, acompañados nesta ocasión por García Mc e Nación Quilombo, que encherán de rap e hip hop galego a praza no que será un dos concertos máis singulares que se poderán escoitar.

“¡Esto es rock!” será o concerto familiar das Noites de María Pita, e terá como protagonistas o día 7 a Carolina Rubirosa que xunto co periodista Javier Becerra introducirán aos rapaces e rapazas no mundo do rock.

O pop e rock da banda escocesa Texas será tamén unha das citas principais das Noites de María Pita. O grupo liderado por Sharleen Spiteri repasará o día 8 os seus grandes temas, como “Say what you want” ou “I Don’t Want a Lover”.

Ana Torroja, unha das grandes artistas do pop español, e os grandes temas de Mecano chegarán a praza ao día seguinte, o 9 de agosto, no que será a antesala do concerto de Luis Fonsi, que previsiblmente encherá a praza de María Pita xa o día 15 de agosto coa súa música latina.

A divertida música da banda madrileña Carolina Durante, con temas como “Cayetano”, porá fin o 16 de agosto á serie de concertos na praza de María Pita.

Todos os concertos serán ás 22.00 horas, agás o familiar “¡Esto es rock!”, que comezará ás 20.00 horas.
NOITES DE MARÍA PITA
● 1 de agosto (22.00 horas): James Blunt
● 2 de agosto (22.00 horas): Edurne
● 3 de agosto (22.00 horas): Dani Fernández
● 4 de agosto (22.00 horas): Los 40 Summer Live (Blas Cantó, Marlon, Leo Rizzi,
Natalia Lacunza, Samurai, Depol, Polo Nández, Lora, Abraham Mateo)
● 5 de agosto (22.00 horas): Ilegales
● 6 de agosto (22.00 horas): Macaco, García Mc & Nación Quilombo
● 7 de agosto (20.00 horas): ¡Esto es rock! (Concerto familiar con Carolina Rubirosa e
Javier Becerra)
● 8 de agosto (22.00 horas): Texas
● 9 de agosto (22.00 horas): Ana Torroja
● 15 de agosto (22.00 horas): Luis Fonsi
● 16 de agosto (22.00 horas): Carolina Durante