O alcalde anunciou que a segunda escavación arqueolóxica iniciarase a finais do verán.
No Concello da Laracha comezou a desenvolverse nesta semana un novo campo de voluntariado de temática arqueolóxica que está centrado, por cuarta vez, na posta en valor do castro de Montes Claros. A iniciativa, que finalizará o 6 de agosto, organízase co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Aínda que se trata dun programa internacional aberto a mozos de entre 18 e 30 anos, os nove voluntarios que están a participar son todos españois procedentes de Zaragoza, Bilbao, Huelva e localidades galegas como Vigo e Carballo.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López déronlles a benvida na propia croa do castro, e máis concretamente no entorno da rocha coñecida como A pegada do xentil, onde están a realizar parte dos traballos. O rexedor apuntou que nos últimos catro anos xa foron un total de setenta os voluntarios que traballaron no castro de Montes Claros, e resaltou a aposta do Concello pola súa posta en valor tanto con este programa como coas brigadas mediambientais municipais que tamén están a actuar na limpeza do propio xacemento. Ademais, anunciou que a finais de verán está previsto iniciar a segunda escavación do castro por parte de arqueólogos especializados.
Precisamente o campo de voluntariado, continuando coas intervencións desenvolvidas en anos precedentes noutros programas de similares características a este, centra o seu traballo específico na realización de tarefas auxiliares de colaboración no período previo a esa segunda escavación. Tras recibir a oportuna formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas, os voluntarios, sempre co control do equipo directivo do proxecto e baixo supervisión arqueolóxica, levan a cabo tarefas como a limpeza con medios manuais dos afloramentos rochosos e a eliminación de rebrotes de eucalipto en todo o ámbito. Tamén actuarán para eliminar a vexetación crecida nas sondaxes realizadas o ano pasado.
Os labores no castro lévanse a cabo polas mañás. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizan outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural relacionadas tanto coa cultura castrexa como co coñecemento do termo municipal da Laracha e outras localidades próximas. Entre elas destacan ás saídas a Malpica para visitar os petroglifos de Punta Nariga, ao castro de Baroña de Porto do Son e lugares da Costa da Morte como o Ézaro e Fisterra. Ademais, o programa de actividades inclúe a práctica de barranquismo e de surf.
Durante a súa estancia alóxanse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asume ao completo os custes da estancia e manutención dos participantes, así como das actividades culturais que realizan.