Saturday 23 de November de 2024

O parque da Hortiña mostra a súa mellor cara para acoller o Felicia Pop 2022


O Concello de Fene investiu algo máis de 21.000 euros en reparar distintos elementos

De hoxe en dúas semanas xustas, Limodre iniciará dous días dedicados á mellor música coa celebración do Felicia Pop ’22. A edición deste ano, xa sen restricións pandémicas, ten preparado un completo programa para o venres 12 e o sábado 13 de agosto no que pasarán polo escenario Los Eternos, Los Malinches, More Kicks, The Rezillos, Tesouro, Rockers go to Hell, Pelazo, The Phantom Keys, Terbutalina e Los Pepes, rematando ambos días con picadiscos. As entradas están á venda desde hai días… e tamén está listo o espazo principal do festival, o parque da Hortiña, ao que o Concello de Fene -que tamén colabora co programa- acaba de facerlle un completo lavado de cara cun investimento de 21.190 euros.

Os traballos, xa rematados, consistiron no adecentamento dos elementos principais do espazo. Así, ao escenario substituíronselle as planchas danadas e despois déuselle a todo unha nova man de pintura marrón -mellor integrada na paisaxe-, igual que ás varandas e aos postes dos farois que iluminan o parque.

Ademais tamén se aproveitou para puír e tratar cunha resina especial todo o taboado, de maneira que se asegure a súa conservación ao tempo que se lle dá máis presenza á veta da madeira.

Porén, o capítulo de maior importe foi a substitución do firme da pista por un novo de formigón impreso sobre unha superficie total próxima aos 400 metros cadrados. Un traballo que foi precedido da correspondente preparación e nivelación do terreo e que se rematou co pintado en verde cunha solución antiesvaramento.

A suma de toda a actuación ascende a 21.190 euros, sufragados integramente con fondos propios, como parte do programa de conservación do patrimonio e dos parques e xardíns municipais.

Neste sentido o consistorio acaba de remodelar o parque infantil do Souto (Sillobre) e o situado ao pé da igrexa de Limodre, cun investimento superior aos 51.000 euros, ademais de ter en marcha un amplo proxecto de mantemento e corrección de deficiencias nos 13 lavadoiros públicos que hai repartidos polo territorio, cuxo custe roldará os 25.000.

O Felicia Pop 2022 estreará a Hortiña
“Había tempo que facía falta unha obra en profundidade na Hortiña. Agora por fin puidemos levala a cabo, para manter o parque en boas condicións e para mellorar o seu aspecto xeral”, sinala o titular de Obras, Justo Ardá.

Ardá, que tamén é responsable da Concellaría de Cultura, engade que o remate da remodelación da Hortiña “chega a tempo” para a celebración da próxima edición do Felicia Pop ’22, que se desenvolverá no parque o venres 12 e o sábado 13 de agosto. Unha cita á que o Concello de Fene lle achega 11.000 euros por medio do convenio nominativo suscrito coa Asociación Cultural Felicia -promotora do festival- a primeiros do mes de xuño.

A programación e outra información de utilidade pode consultarse na web oficial do evento, onde figura o programa dos dous días: o venres a partir da noitiña Los Eternos, Malinches, More Kicks, The Rezillos e sesión picadiscos; e o sábado, hora do vermú con Tesouro e Rockers go to Hell, e sesión nocturna con Pelazo, The Phantom Keys, Terbutalina, Los Pepes e final tamén con picadiscos.

As entradas poden mercarse a través desta ligazón ao prezo pouco menos que simbólico de 16,50€ polo abono dos dous días.