A alcaldesa da Coruña anunciou a próxima apertura do Bosque de Breogán, en Feáns
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu este venres a Novo Mesoiro, onde anunciou a próxima apertura de novas infraestruturas para o barrio e a súa contorna e onde puido comprobar o cambio que supuxo a apertura do novo corredor verde, que xa leva uns días en funcionamento. A rexedora destacou o alto grao de satisfacción que existe entre a cidadanía con esta nova infraestrutura: “Era unha demanda dos veciños e veciñas que culminamos neste mandato, dando resposta ás necesidades do barrio. O novo corredor verde exemplifica o noso compromiso con Novo Mesoiro”, sinalou Rey.
A intervención levada a cabo polo Concello a través da Concellaría de Medio Ambiente tivo como finalidade a ordenación do interior, urbanización e axardinamento do rueiro situado entre os edificios das rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume. As actuación permitiron mudar un área sen uso e en mal estado nun espazo para o ocio do que xa gozan os veciños e veciñas.
A actuación comprendeu unha área de 500 metros de lonxitude que uniu dous parques infantís situados en ambos extremos. A superficie total do novo corredor verde de Novo Mesoiro é de 12.000 metros cadrados. “Con esta intervención conseguimos unha área verde e de ocio para os veciños e veciñas e revalorizamos o espazo público, aumentando a superficie vexetal, de paseo e de xogo”, apuntou Inés Rey durante a súa visita, na que estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán.
O desnivel existente entre ambos os lados do corredor resolveuse con ramplas e escaleiras.
A zona conta cun paseo peonil cun firme brando de xabre que conecta o espazo central cos parques infantís, xerando un paseo con pavimentos naturais en medio dun xardín tamén natural. Seleccionáronse especies naturais que acheguen cor ao xardín, con árbores de baixo porte como pradairos, photinias ou camelios, que xeran un envoltorio natural da contorna.
Creouse tamén unha nova zona de xogos infantís, con tres tobogáns e elementos para trepar, aproveitando o desnivel existente. O novo parque dispón ademais de mobiliario urbano, como bancos e mesas cubertas, co fin de potenciar o paseo e o descanso das súas persoas usuarias. Ademais, o Concello tamén instalou dous novos merendeiros accesibles moi próximos ao corredor verde e que se fabricaron expresamente para esta actuación.
Outras actuacións no barrio
A partir de outono estará dispoñible en Novo Mesoiro a nova pista de patinaxe, que mellorará as dotacións deportivas do barrio. Os traballos teñen un orzamento de 191.419 euros e están a levarse a cabo nunha parcela localizada entre o centro de saúde de Novo Mesoiro, o polideportivo municipal do barrio e o campo de fútbol da Fundación Johan Cruyff.
Serán un total de 2.600 metros cadrados de superficie, que incrementarán e mellorarán as dotacións deportivas do barrio, que conta coa media de idade máis baixa entre os dez distritos da cidade.
Ademais, nos vindeiros días abrirá tamén ao público o Bosque de Breogán, en Feáns, un novo pulmón verde de máis de 60.000 metros cadrados posto en marcha no actual mandato e cuxa primera fase sumarase en breve ás zonas verdes da cidade.
A pista de patinaxe de Novo Mesoiro, que terá unha lonxitude de corda interior de 125 metros e unha rúa de cinco metros de ancho, está proxectada como un recinto ao aire libre que se suma aos equipamentos e servizos de Novo Mesoiro. Ademais, será a primeira pista de patinaxe na Coruña con esas dimensións e contribuirá a dinamizar o barrio atraendo a afeccionados de outros puntos da cidade.
Por outra banda, entregáronse recentemente as chaves das novas hortas urbanas do barrio de Novo Mesoiro. Nesta actuación procedeuse á ampliación do número de parcelas grazas á extensión do espazo en 300 metros cadrados e creouse unha horta común. Melloráronse tamén as zonas comúns pavimentadas e instalouse luz e unha caixa de primeiros auxilios na caseta. Esta actuación fíxose en sintonía coas persoas usuarias da horta, xa que estiveron en comunicación coa Concellaría de Medio Ambiente sobre as principais necesidades e demandas.
Ademais, neste mandato renováronse tamén nove paradas de bus urbano no barrio, mellorando a súa accesibilidade mediante a creación dun saínte que permite ás persoas usuarias acceder ao vehículo salvando o excesivo desnivel. No futuro, o barrio contará cunha estación do novo servizo de BiciCoruña, que formará parte das 55 previstas para este ano. Todas estas medidas amosan o compromiso do Goberno de Inés Rey co barrio de Novo Mesoiro.