• A sesión celebrouse onte ás 21:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.
A Corporación Municipal de Laxe celebrou este xoves 28, ás 21;00 horas, o Pleno Ordinario correspondente ao mes de xullo no que se aprobou a adhesión ao convenio da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) coa SGAE (Sociedad General de Autores y Editores) para reducir ata nun 25% o importe total das facturas en base á programación de espectáculos organizados polo Concello.
Este acordo tamén posibilitará que se apliquen bonificacións ou diminucións de ata o 100% do custo total de espectáculos con fins filantrópicos e humanitarios, así como aqueles realizados en centros de maiores de titularidade municipal ou nos centros escolares. Foi aprobado por unanimidade.
Outro dos puntos da orde do día foi o relativo á aprobación dunha maior retribución a Viaqua polo servizo prestado neste ano 2022 que, finalmente, quedou sobre a mesa. O período medio de pago do segundo trimestre foi de 28,52 días.
O grupo nacionalista presentou varios mocións, e só unha recibiu o visto e prace da corporación. Trátase da instancia á Xunta de Galicia para que instale no Concello de Laxe unha subsede para axudar ao sector do mar a enfrontarse á tramitación administrativa de cara a solicitar as axudas do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA).
A outra moción, relacionada coa designación da figura de ‘Alcalde e Alcaldesa de Barrio’ e o seu encaixe legal no Regulamento de Participación Cidadá do Concello, quedou como rogo.
O rexedor, José Luis Pérez Añón, agradece o apoio recibido polos grupos municipais para sacar adiante proxectos tan relevantes como o da adhesión ao convenio da FEMP e a SGAE, que permitirá “seguir ofrecendo servizos de calidade á cidadanía co reforzo positivo dunha reducción do gasto para o Concello en relación á organización de diferentes tipos de espectáculos lúdicos e culturais”.