O Concello convoca un curso de Preparación para a obtención do permiso de C (camión) e E (tráiler) con CAP inicial de mercadorías e outro para o permiso de condución D (autobús) con CAP inicial de viaxeiros/as. O prazo para inscribirse nestas dúas accións formativas abrirase o vindeiro luns, 1 de agosto, ás 8.30 horas e rematará o 8 de agosto ás 13.00 horas, tal e como anunciou a concelleira de Formación, Natalia Hermida. A edil naronesa explicou que entre os requisitos do alumnado están para o de camión e tráiler ser maior de 21 anos e para o de autobús ter máis de 24 anos. En ambos casos é preciso ter en vigor o permiso de condución B, ter superado o correspondente psicotécnico, estar desempregado/a e empadroado/a no Concello de Narón.
Cada curso terá unha duración de 270 horas e impartirase na sede da Autoescola Anpidriver, na Gándara (rúa Concepción Arenal, 73, Narón) entre o 5 de setembro e o 17 de novembro, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres. Ofértanse un total de oito prazas para cada acción formativa, que comprende 130 horas teóricas presenciais para a preparación do CAP (do 5 de setembro ao 10 de outubro); 12 clases prácticas de condución de 45 minutos cada unha (incluídas as dos exames) e 110 horas de formación para a preparación dos permisos C, E e D (incluídas as de presentación aos exames oficiais). A maiores, impartiranse módulos transversais de sensibilización en igualdade de xénero, medioambiental e de inserción laboral. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro.
Hermida explicou que serán de balde para o alumnado o pago das taxas de exames teóricos/pista e circulación para os carnés C, E e D e as taxas de expedición e exames teóricos do CAP inicial obrigadas por Tráfico (sen renovación, só unha convocatoria). O alumnado deberá abonar os gastos derivados do psicotécnico e o requerido polo centro de exames, tal e como se especifica na convocatoria.
As persoas interesadas deben presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello –de 8.30 a 13.00 horas-, na Sede Electrónica de Narón ou a través do resto de medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Para obter máis información pódese consultar a web do Concello de Narón –www.naron.es- a Sede Electrónica ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).