Saturday 16 de November de 2024

A parroquia de Sedes acolle mañá o “22º Oenach Atlántico” e na de San Mateo celebrarase o domingo a “Festa da exaltación da ameixa”


A vixésimo segunda edición do Oenach Atlántico celebrarase mañá na parroquia de Sedes. Esta cita festiva organizada dende o Padroado da Cultura, en colaboración coa AVV Rosa dos Ventos de Sedes, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e contempla numerosas actividades que se desenvolverán na campa do Trece ao longo do día.

Ás 11.00 horas comezará a recreación da vida comunitaria da época nun castro, donde non faltarán artesáns da cestería, da lá, do ferro e da madeira, que amosarán parte do traballo que realizaban na época. Así mesmo, habilitarase unha zona de xogos populares, nos que se poderá participar ata as 14.00 horas. Ao mediodía, ás 13.00 horas, dará comezo o concerto do gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, que interpretará na parroquia un adianto dalgúns dos temas do seu novo disco. A maiores, ao longo da xornada, as veciñas e veciños de Sedes cociñarán para os visitantes receitas tradicionais, como as bolas da sartén, bolos preñados e carne ao caldeiro.

Pola tarde, de 16.00 a 19.00 continuarase recreando na campa do Trece a vida nos castros cos artesáns e tamén seguirán os xogos populares. Ás 17.00 horas comezará a actuación de Rilo e Penadique, que representarán a obra “Asdomare”, un espectáculo para público familiar que crearon na etapa do confinamento e que fala das mulleres do mar.

A programación deseñada para a xornada de mañá rematará trala representación prevista para as 22.30 horas no Castro de Eiravedra, donde terá lugar a tradicional “Noite do Castro”, coa representación da obra “O paxaro de Eiravedra”, dirixida por Laura Aneiros e a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, da que forma parte a directora desta peza.

Na xornada do domingo, día 31, celebrarase na parroquia de San Mateo a Festa de exaltación da ameixa. O Concello organiza este evento gastronómico en colaboración coa Asociación Veciñal de San Mateo. A iniciativa enmárcase no proxecto municipal “Narón mar aberto”, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da Unión Europea e subvencionado a través do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Golfo Ártabro Norte (GALP).

Para a ocasión cociñaranse uns 200 quilos de ameixa babosa, que se poderá degustar a partir das 13.00 horas baixo un toldo con mesas e cadeiras que se instalará na pista polideportiva de San Mateo. Os tickets poderán adquirirse o propio domingo, nun espazo habilitado na zona para tal fin, a un prezo de 12 euros para o menú de ameixas, bebida e pan ou de 6 euros para degustar paella, con bebida e pan incluído. A maiores, tamén se poderá solicitar o menú completo, a base de ameixas, paella, bebida e pan, por 17 euros e por 2 euros máis ofrecerase café e bola doce.

Así mesmo, nas instalacións da antiga unitaria de San Mateo poderase ver a partir das 11.30 horas unha exposición de traballos realizados durante o curso por veciñas e veciños da parroquia. Haberá tamén exposicións artesás de coiro, mimbre, alfarería…, música en vivo e inchables de balde para as nenas e nenos.