Friday 22 de November de 2024

Ampliado ata o 5 de agosto o prazo para visitar na Biblioteca municipal a exposición “Recordos do mundo”, da artista naronesa Elena Macía


A exposición “Recordos do mundo”, da naronesa Elena Macía, poderase ver ata o 5 de agosto na sala de exposicións da planta baixa da Biblioteca municipal. Así o anunciou a edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo, que recordou que a mostra está formada por catorce pinturas, maioritariamente acrílicos e predominando as paisaxes entre as temáticas elixidas.

A edil naronesa destacou a traxectoria de Elena Macía, que se iniciou como autodidacta para posteriormente impartir clases de pintura a determinados colectivos e amosar as súas obras en diversas exposicións da comarca e tamén doutras comunidades. Os centros cívicos sociais de Piñeiros e San Xiao acolleron xa mostras das pinturas da artista naronesa.

A exposición pódese ver os luns e mércores en horario de tarde, de 18.00 a 21.00 horas, e de martes a venres entre as 10.00 e as 13.00 horas. Taibo animou á veciñanza de Narón e tamén doutros concellos a visitar a exposición, destacando a calidade dos cadros que se poden ver na mesma.