A alcaldesa da Coruña destacou o acerto deste evento á hora de achegar novos públicos ao teatro a través de espazos orixinais como a praia, e cunha oferta de calidade como a representación que abriu o programa, na que Teatre Blau revisa a figura do dramaturgo Tennessee Williams
A quinta edición da Mostra Internacional de Teatro, MIAT, desenvolverase no areal desde hoxe ata o 31 de xullo con dúas representacións diarias de carácter gratuíto que inclúen tamén propostas dirixidas a público familiar
A praia de San Amaro acolle desde este xoves unha nova edición da Mostra Internacional Área de Teatro (MIAT), consolidada como un dos ciclos máis singulares da oferta escénica da Coruña. Así o indicou hoxe a alcaldesa da Coruña, que subliñou que este evento tense convertido nun referente do espectáculo na Coruña, co mérito engadido de contribuír á captación de novos públicos grazas á elección de espazos singulares que se converten en escenarios teatrais, como é o caso da praia de San Amaro.
“Poder desfrutar dunha obra de teatro de gran factura artística e técnica nun lugar tan especial como San Amaro é un privilexio”, sinalou a alcaldesa, que destacou a diversidade e calidade da programación deste ciclo, que se prolongará ata o día 31 de xullo con dúas representacións diarias.
A obra inaugural presentouse ás 17.00 horas, coa representación de ‘Vida secreta de Tennessee Williams’, unha obra intimista na que a compañía Teatre Blau afonda na figura deste dramaturgo norteamericano, da man do actor Marti Pera Ferrer. A sesión nocturna, que terá lugar ás 23.00 horas, correrá a cargo da compañía galega Vaiembora, que porá en escena a obra ‘Cariño’, abordando temas como o amor tóxico e a dependencia emocional, especialmente desde a perspectiva dos adolescentes.
Mañá venres, día 29, ás 17.00 horas, terá lugar a obra ‘Quixote’, dirixida ao público infantil a cargo da compañía Pedras de Cartón, que aborda a obra de Cervantes en clave de comedia e a través da relación entre Sancho Panza e o propio Quixote. Ás 23.00 horas a compañía Barrosanta representará ‘Ragazzo’, que se expón como unha oda á mocidade, á liberdade e á dignificación das persoas.
Xa o día 30, ás 17.00 horas, presentarase ‘Fatum’, unha obra especialmente visual a cargo da compañía O Catre Teatro, que aborda o debate sobre se a vida é un conxunto de accións fortuítas, casuais e ao azar ou está rexida por un destino inmutable e escrito. Ese mesmo día, a partir das 23.00 horas, porase en escena ‘El matrimonio Palavrakis’, coa compañía navarra O Puntido Teatro, que conta a turbulenta vida conxugal de Elsa e Mateo, vítimas de malos tratos desde a infancia ata o final das súas vidas.
O último día da mostra, o 31 de xullo, pecharase con outras dúas representacións. Ás 17.00 horas está programada a obra en clave de humor ‘Ano 0 Antes de Cristo’, a cargo de Espazo Amateur Feteagal e Allegro Teatro. Xa ás 23.00 horas terá lugar ‘Running’, a cargo da compañía galega De Ste Xeito, que pechará a programación cunha parodia sobre o actual ritmo de vida da sociedade.
Deste xeito, a praia de San Amaro volverá ser o escenario que permita achegar o teatro a todo tipo de públicos, tanto infantil como adulto, cunha variada e atractiva oferta, que converten ao areal coruñés e á MIAT nunha cita xa imprescindible no verán coruñés.