Os Xardíns de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal volven acoller un ano máis A nosa feira, unha iniciativa que busca apoia-lo comercio, especialmente o itinerante, pero que tamén serve de escaparate para establecementos da localidade.
A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez, explicou que esta sexta convocatoria se compón dun total de catorce postos de xoiaría, roupa, complementos, artesanía en madeira, alimentación, marroquinaría, gravado en láser… Ademais, o Concello puxo á disposición, de xeito gratuíto, dúas das casetas para que alí se instalen artesáns e comerciantes locais que van ir rotando ao longo dos días.
A elección do espazo para o desenvolvemento desta feira responde aos criterios de ser un lugar céntrico, visible, con tránsito e nas proximidades de establecementos hostaleiros, para que así a afluencia de xente redunde positivamente en ámbolos sectores.
A feira permanece aberta dende a semana pasada e ata 31 de agosto, en horario de 10.30 a 14.30 e de 17.00 a 22.00 horas.