O Concello acolleu esta mañá, dende as 9.00 horas, o pleno ordinario do mes de xullo. No transcurso da convocatoria aprobouse por unanimidade da corporación local o Plan de Medidas Antifraude e de prevención de riscos do Concello de Narón. O Concello disporá con este documento dun marco normativo propio no que se integran unha serie de medidas antifraude e de prevención de riscos para facilitar a tarefa do seu persoal para cumprir os requisitos antifraude establecidos a escala comunitaria, nacional e rexional. Esas medidas diríxense prioritariamente a atender os deberes da xestión das actuacións financiadas mediante os fondos do instrumento de recuperación Next Generation EU, tal e como se recolle no documento. O seu contido aplicarase no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia e doutras sobre xestión de programas financiados con fondos comunitarios.
Na convocatoria saíu adiante unha moción presentada polo BNG, que aceptou unha enmenda do grupo de goberno (TEGA e PSOE) para instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Xunta de Galicia a que consideren a Narón como concello preferente de cara a optar ás axudas procedentes do Fondo de Transición Xusta na provincia da Coruña (111 millóns de euros onde a Xunta de Galicia será o organismo intermediario para a xestión deses recursos), considerando a situación derivada do anunciado peche da térmica das Pontes e a afectación que terá nas empresas da cidade e, polo tanto, entre as veciñas e veciños de Narón. Así mesmo, a través deste documento ínstase ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Xunta de Galicia a poñer a disposición das empresarias e empresarios locais afectados polo peche da térmica pontesa toda a información precisa para que poidan coñecer de primeira man como solicitar as axudas, facilitando tamén a tramitación das mesmas.
Na sesión aprobáronse inicialmente por unanimidade o regulamento de axudas financieiras para a atención de necesidades básicas, que se adaptará ás novas circunstancias socioeconómicas, laborais e familiares de persoas en situación de vulnerabilidade e o regulamento de réxime interior das Escolas Infantís Municipais de Narón, que se adapta ás mencionadas circunstancias para redundar nunha mellora da conciliación da vida familiar e laboral.
Aprobouse no pleno un expediente de modificación de créditos por importe de 678.288 euros, que se destinarán ao proxecto de reformado de construción da piscina do Couto. O proxecto increméntase cunha partida duns 145.000 euros para facer fronte aos gastos derivados dos incrementos nos prezos trala pandemia e posterior situación de crise.
Así mesmo, saíron adiante unha moción do PP sobre a transferencia da competencia sobre a xestión do dominio público marítimo terrestre e outra do PSOE para reclamar a baixada das taxas da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao co fin de axudar ao sector industrial de Ferrolterra.