Saturday 16 de November de 2024

A maratón atlántica Coruña42 recupera a meta en María Pita cun novidoso percorrido urbano


A meta estará na praza de María Pita, á que se accederá co paso previo polas rúas Real e Rego de Auga

O 2 de outubro regresa a maratón atlántica Coruña42 coa súa novena edición, cun circuíto novo que sete anos despois volve ter a meta na praza de María Pita.

Despois da pandemia, o calendario atlético da cidade recupera a súa proba grande, a irmá maior da C10 e a C21, que reaparece tas un importante esforzo organizativo. O obxectivo do goberno municipal é situala, novamente, entre as mellores de España e que se converta nun patrimonio máis da Coruña.

O maratón poñerá a proba a resistencia das e dos deportistas con 42.195 metros polas rúas herculinas, onde, ademais, se desenvolverá, en paralelo, unha 10K.

O circuíto, que partirá da avenida de Montouto, presenta tres tramos diferenciados. No primeiro, unha volta de 14.695 metros na que as e os atletas pasarán pola Mariña, os Cantóns, a praza de Ourense, dirixiranse cara á Palloza, enfilarán a avenida do Exército, pisarán rúas como Ramón y Cajal, Pérez Ardá ou Salvador de Madariaga, onde efectuarán un xiro de 180 graos, despois chegarán á zona portuaria e regresarán cara ao punto de saída. Alí comezará o segundo tramo, que repite o primeiro e engade case 3 quilómetros por Salgado Torres, ata a rotonda de Lonzas. Nese punto virarase para tomar de novo dirección cara ao porto e regresar á avenida de Montouto. A continuación, dez quilómetros finais cun percorrido pola zona de praias tras atravesar Juana de Vega, Santo André e Rúa Alta. As e os deportistas correrán primeiro cara a Manuel Murguía e, posteriormente, en sentido á Torre de Hércules antes de afrontar os últimos metros por Sol, Santo André e RúaNova, acceder á Rúa Real, Rego de Auga e, finalmente, á praza de María Pita, onde estará a meta.

Recupérase así a chegada a María Pita desde Rego de Auga, que só se rexistrou, con moi boa aceptación por parte das e dos atletas, na edición de 2015.
Os circuítos da C42 e a 10K paralela serán homologados pola Real Federación Española de Atletismo a finais de agosto ou principios de setembro. A proba menor aproveita os dez quilómetros finais da maratón, pero as e os atletas de ambas as probas non coincidirán no asfalto.

O prazo de inscrición ordinario na web www.carreirasgalegas.com está aberto ata o domingo 18 de setembro ás 23.59 horas e o extraordinario, desde o luns 19 de setembro ao domingo 25 dese mes, unha semana antes da carreira, tamén ás 23.59 horas.