Friday 22 de November de 2024

A Xunta organiza o sábado visitas guiadas ao campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes, tras o remate da campaña arqueolóxica


— O Goberno autonómico programa unha xornada de portas abertas para coñecer os últimos traballos e descubrimentos no cuartel xeral do forte e na súa vía principal

— A actividade está programada para este sábado ás 12,00 horas con inscrición previa

— Nos últimos seis anos o Goberno galego leva investido preto de 600.000 euros en distintas actuacións neste campamento romano

A Xunta de Galicia organiza este sábado unha xornada de portas abertas para visitar o campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes, onde o Goberno autonómico vén de rematar a última campaña arqueolóxica. Tras os últimos traballos de roza e limpeza e a colocación de sinalización interior do campamento, os visitantes poderán descubrir as actuacións dos últimos meses nas que se puxeron en valor as estruturas arqueolóxicas do Principia, o cuartel xeral do forte romano, e da Via Principalis, arteria viaria principal no interior do campamento romano.

A visita guiada será o sábado 30 de xullo ás 12,00 horas previa inscrición no 981 787 508 e turismosobrado@gmail.com. Está impartida polo equipo técnico que levou a cabo a intervención. Explicaranse os avances desta actuación na que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achegou 200.000€ no marco do programa Feder Galicia 2014-2020 e eleva o investimento do Goberno galego neste ben a preto de 600.000 nos últimos seis anos.

A intervención no campamento iniciárase xa a finais do pasado ano coa escavación do xacemento. Unha vez rematada esta fase, no mes de febreiro comezouse cos traballos de consolidación e restauración das estruturas arqueolóxicas para favorecer a súa conservación e protección e tamén para facilitar a súa comprensión aos visitantes que se acerquen ao xacemento.

Nova información do forte militar
As primeiras escavacións permitiron localizar numerosos restos e obter máis información do forte militar. En concreto, foron descubertos os muros delimitadores de varias edificacións na Via Principalis e unha lápida funeraria romana que se conserva en perfecto estado e na que se pode ler o texto da dedicatoria que fai unha nai ao seu fillo morto aos 9 anos, 6 meses e 9 días. Estes descubrimentos súmanse aos feitos nas últimas campañas realizadas pola Administración autonómica na Ciadella nas que saíron á luz importantes restos e pezas de cerámica destacando a identificación dun gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións.
Desde o mes de maio ata a actualidade se estivo traballando na elaboración da memoria técnica da actuación arqueolóxica no que se recolle de maneira descritiva e gráfica todo o proceso de traballo realizado, o estudo dos materiais e os seus resultados. Tamén se traballou na elaboración dunha serie de vídeos explicativos do xacemento arqueolóxico.
Como derradeiras actuacións, neste mes de xullo levouse a cabo a última roza e limpeza do xacemento arqueolóxico e a colocación da sinalización interior do campamento romano mediante cartelaría e fitos informativos para que os visitantes poidan realizar unha visita auto guiada a través de códigos QR. Deste xeito poderanse descargar vídeos explicativos sobre as características xerais do xacemento e das diferentes estruturas arqueolóxicas conservadas, locutados en galego e con subtítulos en castelán e inglés.