A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro asistiu hoxe á presentación das obras na Casa do Mar, situada no porto de Ferrol, onde estará ubicado o novo albergue
Nava Castro, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros e do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, indicou que estas obras permitirán mellorar a acollida aos peregrinos nesta cidade
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá xunto a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, o inicio das obras do primeiro albergue público da cidade situado na Casa do Mar, un dos puntos de saída do Camiño Inglés.
Nava Castro indicou que a Xunta vai destinar mais de 467.000 euros para esta obra que permitirán mellorar as infraestruturas para presentar unha oferta competitiva e de calidade a todos os peregrinos. De aí, que un dos obxectivos do Goberno galego sexa ampliar a rede de albergues e ir mellorando os actuais.
O proxecto de reforma na antiga Hospedaría situada no último andar da Casa do Mar permitirá que a cidade de Ferrol conte cun novo albergue para o aloxamento dos peregrinos que se acheguen a esta cidade. “Sendo un espazo completamente idóneo xa que esta Casa do Mar é o punto de partida do Camiño Inglés”, indicou Nava Castro.
A cidade de Ferrol contará cun albergue de 60 prazas -unha delas adaptadas- para o aloxamento dos peregrinos do Camiño Inglés. Na planta inferior estará situado o acceso, a sala común e a oficina, e na planta superior, os dormitorios e os aseos.
O novo albergue sumarase aos 6 cos que conta a rede pública no Camiño Inglés, a terceira máis transitada por aqueles que se achegan a Santiago a recoller a Compostela e unha das que nos últimos anos máis está a medrar, cun incremento do 25% de peregrinos.
“É unha infraestrutura necesaria para esta cidade departamental, que por riba é un dos símbolos do Camiño Inglés, xa que era por Ferrol por onde chegaban por mar peregrinos do Norte de Europa e las illas británicas, para comezar aquí e rematar en Santiago”, rematou a directora xeral de Turismo.