Friday 22 de November de 2024

O programa “Coidados Porta a Porta” estará na Laracha do 2 ao 5 de agosto


O día 2 ás 12:00 horas no baixo da biblioteca da Laracha ofrecerase unha charla informativa na que se explicará en que consiste esta iniciativa da Consellería de Política Social.

A caravana do programa de servizos asistenciais Coidados porta a porta, impulsado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, estará na Laracha desde o día 2 e ata o 5 de agosto para ofrecer de xeito gratuíto a persoas maiores de 55 anos de idade consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria.

Á súa chegada á Laracha, o 2 de agosto a partir das 12:00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha ofrecerase unha charla informativa aberta a toda a cidadanía na que se explicará en que consiste o programa Coidados porta a porta, abordando tamén cuestións relacionadas co Envellecemento Activo.

Para asistir á charla non se require inscrición, pero si se precisará solicitar cita previa para beneficiarse de calquera dos servizos asistenciais que se ofrecen. Poderá  facerse por vía telefónica chamando ao 622 748 283 ou ao 623 546 992, ou ben enviando un correo electrónico a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O programa Coidados porta a porta iniciouse a finais do pasado mes de marzo e está a percorrer todos os municipios galegos agás os das sete cidades. A previsión é chegar a atender a 100.000 persoas en toda Galicia.

Pode ampliarse información nesta ligazón: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/coidados-porta-porta