Friday 22 de November de 2024

A Mesa de Contratación clasificará mañá as ofertas presentadas para a adxudicación de tres proxectos de mellora de infraestruturas públicas


O orzamento total ascende a 527.000 euros e serán financiados integramente con fondos municipais.

A Mesa de Contratación reunirase mañá para clasificar as ofertas presentadas polas empresas licitadoras que optan á adxudicación de tres proxectos de mellora de equipamentos públicos e da rede viaria municipal nos que o Concello investirá un total de 527.000 euros con fondos propios municipais.

Un deles consiste na ordenación dos espazos da parte traseira do IES Agra de Leborís, a zona na que o Concello durante os últimos anos construíu unha nova estrada, habilitou un acceso para o transporte escolar do centro de ensino e creou unha área deportiva de referencia na capital municipal con dúas pistas polideportivas descubertas e o parque de patinaxe Skatepark que se atopa en fase de execución.

O novo proxecto inclúe tres intervencións diferenciadas. Por unha parte, crearase unha ampla zona verde no espazo situado detrás do polideportivo do instituto. Na rede viaria será aumentada a plataforma da calzada que comunica a Avenida Manuel Fraga coa Avenida López Astray a través da rúa

Maruja Mallo, o que permitirá ampliar as beirarrúas e habilitar máis prazas de estacionamento. Ademais, serán axardinados os espazos sobrantes trala creación das pistas polideportivas e dotados cun circuíto de calistenia co equipamento preciso para poder practicar exercicios físicos que se realizan co propio peso corporal. O orzamento ascende a 177.000 euros e hai cinco ofertas presentadas.
Os outros dous proxectos céntranse exclusivamente na mellora da rede viaria de titularidade municipal. En ambos casos son once as empresas que optarán á adxudicación.

O de maior importe está valorado en 200.000 euros e contempla actuacións en preto de 8.500 metros de estradas de catro parroquias. En Cabovilaño mellorarase a vía entre O Castro e A Lagarteira (incluíndo a prolongación da rede de recollida de pluviais) e tamén no núcleo da Casanova. Na parroquia de Coiro están previstas actuacións en tres puntos diferentes: a estrada que comunica A Ferrulleira coa DP-1913 e as dos núcleos da Fontefría e Fornos. En Vilaño será renovado o pavimento da vía que vai de Vista Alegre a Samiro, e tamén a estrada que leva ata A Piña desde O Ramallal, correspondendo este último núcleo á parroquia de Golmar.

O outro proxecto presenta un orzamento de 150.000 euros e afecta a uns 5.000 metros da rede viaria. Na capital municipal (parroquia de Torás) realizaranse tres intervencións para mellorar a superficie de rodadura nas rúas Río Anllóns, Río Bradoso e Eusebio Bértoa. En Cabovilaño as obras afectarán ao núcleo de Oldán e os seus accesos. En Coiro actuarase na estrada que dá acceso á Ferraría, A Riba e Compañeiro, e tamén na que vai desde A Ferrulleira ata Requesende, xa na parroquia de Golmar.
A clasificación das ofertas por parte da Mesa de Contratación é o paso previo á adxudicación, que é competencia da Xunta de Goberno Local.