Saturday 16 de November de 2024

Preto dun milleiro de artistas teñen participado no certame internacional GóisOrosoArte, que este ano celebra a súa décima edición


Manuel Mirás agradece o traballo conxunto de todos cantos fixeron do GóisOrosoArte “o buque insignia da cultura en Oroso”

Máis dun cento de persoas participaron no acto de inauguración da décima edición de GóisOrosoArte, celebrado na noite de onte venres no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Unha inauguración presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, quen estivo acompañado pola presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Assembleia Municipal de Góis, José António Pereira de Carvalho; e o artista local Constantino Cuesta, en representación dos autores participantes.

Manuel Mirás aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo conxunto de todos canto fixeron do GóisOrosoArte “o buque insignia da cultura en Oroso”. Así, agradeceu a colaboración da Deputación Provincial da Coruña ao longo destas dez edicións. “Teño que dicir que sempre tivemos o apoio da Deputación para, por exemplo, editar o catálogo da exposición. Pero tamén agradezo especialmente poder contar coa presenza de Valentín González, xa que o presidente da Deputación non viñera a este acto nos últimos catro anos”, indicou Mirás Franqueira, quen aproveitou para solicitar a colaboración da Deputación para a construción dun auditorio, “xa que este centro cultural que fixemos de forma conxunta comeza a quedar pequeno”.

Pola súa banda, Valentín González destacou a importancia da colaboración entre Administración, especialmente no ámbito cultural. Ademais amosou “o meu compromiso de que virei a Oroso a apoiar calquera actuación cultural que se organice”.

Un milleiro de artistas

Mirás tamén agradeceu o traballo realizado polas autoridades de Góis, cunha lembranza especial ao finado alcalde José Girao, e Oroso, destacando o labor levado a cabo polos concelleiros de Cultura Eduardo Veiras e Antonio Leira. “E estou convencido de que Luís Rey, que acaba de asumir esta responsabilidade, ten moitas ideas para que este certame dure outros dez anos máis”, indicou o alcalde orosán.

Finalmente, o alcalde de Oroso agradeceu en especial a colaboración de “case un milleiro de artistas que teñen pasado por Oroso ao longo destes dez anos. Dise pronto, pero é unha sétima parte da poboación deste concello de Oroso. A todos, grazas por abrir as nosas mentes a un novo mundo cheo de cultura, de arte e de sensacións”.

Vinte aniversario en Góis

Finalmente, a presidenta da Cámara Municipal de Góis aproveitou para indicar que “GoisArte cumprirá vinte anos en 2016 e desexo agradecer dende xa o traballo realizado por todos os artistas que participaron ao longo destas vinte edicións. Sen eles non tería sido posible”. Ademais, María de Lurdes Oliveira Castanheira adiantou que “en 2016 distinguiremos ao Concello de Oroso coa máis alta distinción que concede a Cámara Municipal de Góis: a Medalla de Ouro”.

A parte musical do acto correu a cargo do violinista Petre Abraham Smeu, veciño de Oroso de trece anos que vén de conseguir o segundo premio no XVI Concurso Internacional de Violín Cidade do Fundao Portugal 2015. O punto e final á inauguración correspondeulle á Filarmónica Varzeense-Filvar, unha formación de Vilanova de Ceira (Góis) con 113 anos de experiencia ás súas costas.

Participantes

GóisOrosoArte 2015 reúne un total de 54 pezas de pintura e escultura, das que trinta son de artistas galegos e outras 24 corresponden a artistas portugueses e doutras nacionalidades. A mostra poderá visitarse libremente no centro cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro) ata o vindeiro 2 de outubro.

Os 24 artistas portugueses participantes son: 3 Pontinhos, Acácio Malhador, Adriano Brás Pires, Armando Martinez, Carlos Inácio, Eduardo J. Ortun, Elohim, Fernanda Pires, Fernando Martins, Geraldes da Silva, Howard Ross, Jorge Miguel Pinho Almeida, José Sollari Allegro, Josefina Almeida, Lisete de Matos, Madalena Raimundo, María Helena Meirim “Mahevi”, Margarida Lourenço, Mário Silva, Paulo Santos, Teresa Leitão, Vasco Rodrigues, Victor Costa e Xan Vieito.

Os artistas galegos participantes son: Guadalupe García Ferreiro, Fran Lareo, Josefa Mariño Rivas, Mary Carmen Calviño, Ángeles López Fraga, Blanca Arocas, María José Freire Cisneros, María José Fiaño, Carmen Sevillano, Luís Maceira, Francisco Maceira, Silvia Pedreira Fraga, Josefa Rosa Rama Gallardo, Nolo Suárez, Xesús Pereira Ríos “Suly”, Carmen Sampedro, Constantino Cuesta Ibáñez, Mary Olivares, Carmen Torres, Sara Naveiro Mirás, Rafael G. Cao, Celia Santos, Carmen Rivas Fraga, Avelino Castro Fernández, María Teresa Barrós Lodeiro, María de los Reyes García-Rayo Prado, Marina Cocós, Carmela Taboada Perianes, Xoán Vila, Rosa González Blanco, María Esther Piñán Oujo, Esther Molinero e Isabel González Andrés.