Na sesión ordinaria do Pleno celebrada este mércores, a Corporación municipal consensuou unha moción conxunta de todos os grupos municipais para manifestar o seu apoio e compromiso a que a cidade de Santiago acolla a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
O Pleno da Corporación expresa así o seu convencemento de que “a capital de Galicia reúne as condicións necesarias para albergar a sede da AESIA”, organismo que se enmarca na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial do Goberno de España, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que pretende “situar a España como país punteiro en Intelixencia Artificial e liderar a nivel mundial o uso da lingua española e das linguas cooficiais (galego, euskera, e catalán) na IA”.
Neste contexto, a Corporación municipal en liña coa Xunta de Galicia a través da AMTEGA, quere amosar o seu “firme apoio” á candidatura de Galicia para acoller a sede da AESIA no seu territorio, xa que parte como unha das CCAA mellores posicionadas ao dispor dunha estratexia propia de Intelixencia Artificial, ser pioneira na posta en marcha de medidas neste ámbito, contar cun ecosistema TIC forte así como cumplir con todas as condicións establecidas.
En concreto, na declaración institucional o Concello expresa o seu “total aliñamento coa Universidade de Santiago para conformar unha candidatura sólida que permita situar a nosa cidade como a mellor opción para Galicia”, xa que cumple todas as condicións establecidas acoller a futura AESIA: “conta con capacidade de produción de talento, posúe un expertise na materia de múltiples entidades da nosa cidade” e ademáis “posúe infraestruturas de localización de persoal e equipos que poden ser cedidos por distintas administracións para poder albergar dita sede”. Ademais, Santiago é tamén “un recoñecido destino turístico de congresos, convencións, incentivos e eventos”.
AESIA
A Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) deberá ser aprobada este ano e terá como cometido desenvolver medidas para a redución dos riscos sobre a seguridade e a saúde das persoas, así como sobre os seus dereitos fundamentais, que poidan derivarse do uso das tecnoloxías intelixentes. Ademais, a AESIA participará en accións froito da colaboración con outras administracións e co sector privado. Esta Axencia é un dos organismos de nova creación que poden ser radicados nunha localización diferente á capital do Estado, de acordo co Real Decreto 209/2022 de 22 de marzo (para a descentralización de organismos públicos).