Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades incrementa en 9.000 euros as axudas ás entidades sen ánimo de lucro do municipio


O Concello de Frades vén de aprobar a concesión de 45.215 euros en axudas económicas a entidades culturais, deportivas, asociacións de veciños e calquera outra entidade de interese social que fomente a participación cidadá na vida municipal (Anpa, terceira idade…) e ás comisións de festas das doce parroquias do municipio. Unha achega que supón un incremento de 9.000 euros con respecto a 2021.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que, principalmente, “as axudas están destinadas a realizar distintas obras nas parroquias por parte das asociacións de veciños, para sufragar parte dos gastos das entidades deportivas e culturais e para axudar as comisións de festas cos gastos derivados da organización da festas patronais”.

Así, o Concello repartirá 39.215 euros entre as asociacións sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro de Entidades ou Agrupacións do Concello de Frades e que desenvolvan as súas actividades no termo municipal de Frades. Pola súa banda, as comisións de festas recibirán unha achega de 6.000 euros.

O importe das axudas, que poderá alcanzar ata o 100% dos gastos, servirán para subvencionar gastos xerais derivados das actividades (transporte, contratación de persoal docente, material inventariable, etc.), obras e melloras de bens inmobles, gastos de funcionamento (cando estean directamente vencellados coa realización da actividade)…