As charlas viaxeiras serán de novo un dos grandes atractivos do Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación FurgoGalicia. Os días 5, 6 e 7 de agosto a área recreativa de Pedroso acollerá unha nova edición deste evento, a terceira, dirixido a persoas de todas as idades e cun completo e variado programa de actividades e concertos de balde. Así mesmo, habilitouse unha zona de acampada para furgonetas, caravanas e autocaravanas podendo reservar praza a través da web: www.gulliverfest.es, donde xa se pode consultar o programa completo do evento.
O venres 5 abrirá a zona camper e de autocaravanas ás 10.00 horas e o festival comezará ás 16.00, se ben ás 18.00 horas será a primeira das charlas viaxeiras, a cargo de Rubén Prieto. Actor, surfeiro e un dos rostros coñecidos de programas como “El Hormiguero”, Rubén Prieto leva vivindo cinco anos nunha autocaravana e falará da súa experiencia persoal e o día a día nunha autocaravana. Pola noite, ás 21.00 horas, pinchará música un DJ.
Na xornada do sábado retomarase a programación ás 9.00 horas con dúas propostas, unha carreira de orientación e unha sesión de ioga con cuencos tibetanos. Haberá tamén tres charlas viaxeiras, unha ás 10.00 con “Titín round de Word”, no que Angie, unha rapaza nada en Arxentina falará sobre a importancia de viaxar para aprender, sen comprender e narrará algunhas das súas experiencias, como unha viaxe por Irán e Kurdistán. A continuación, ás 11.00 horas representantes da firma North Explorer falarán sobre perigos e riscos en actividades do medio natural e técnicas de supervivencia. Pola tarde terán lugar as charlas de Roberto Sastre -18.00-, “O Pekín Express Canino”, que leva tres anos viaxando por Asia cos seus cans en autostop e do xornalista Nicolás Castellano -19.00-, que falará do viaxe non desexado.
O teatro musical a cargo da compañía Teatro sobre rodas, un obradoiro de chapas do Gulliver Fest e os concertos de Martins Aneiros Band, Brassica Rapa, Missisipi Queen & The Wet Dogs e Festicultores Troupe completarán a programación do sábado 6 de agosto.
Finalmente, o domingo 7 comezará a actividade ás 9.00 horas, cunha sesión de ioga aberta ao público en xeral e ás 10.00 haberá unha nova charla viaxeira, nesa ocasión a cargo de Diana Santos, unha rapaza que viaxou en furgoneta de Alaska a Panamá e ás 11.00 será a de Compass on the road, o proxecto de vida de Agnès, licenciada en INEF e Xevi, deportista de élite, que percorren o mundo en furgoneta. A programación da xornada completarase con xogos populares a partir das 11.30; teatro musical con Teatro sobre Rodas, unha competición de xogos populares a partir das 13.30 horas e música con Tambores da Lagoa, Keepers e Broken Peach.
Na zona da área recreativa de Pedroso tamén haberá un espazo de lectura e literatura de viaxes, a cargo da Biblioteca municipal de Narón e foodtrucks para a xente que queira quedar a comer na zona do festival.
Dende a organización anímase á cidadanía a acudir a este festival sobre naturaleza, música, viaxes e literatura, ben desfrutando da zona camper e de acampada ou tamén acudindo aos concertos, charlas e actividades que se sucederán ao longo dos tres días en Pedroso.