Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades acorda atrasar 30 minutos a hora dos plenos ordinarios a petición do grupo municipal do BNG


Os festivos locais de 2016 serán o 9 de febreiro (Martes de Entroido) e o xoves 29 de setembro (San Miguel)

O pleno municipal de Frades acordou esta mañá por unanimidade atrasar en 30 minutos o inicio das sesións plenarias ordinarias. Unha decisión que se produciu na quenda de rogos e preguntas, momento no que o grupo de Goberno aceptaba o rogo “in voce” formulado polo BNG de atrasar media hora o inicio dos plenos ordinarios por motivos laborais dunha das concelleiras. Unha decisión que se tomou tras consulta con todos os concelleiros presentes, que aceptaron a proposta do grupo municipal do BNG.

O pleno tamén serviu para dar conta da incorporación de Carmen Gómez Otero como secretaria municipal provisional de Frades, tras a xubilación o pasado mes de agosto de Mila Sexto Carballeiro tras 34 anos de servizo no municipio. O alcalde, Roberto Rey, explicou que esta incorporación é temporal, mentres non se convoque e resolva a praza, algo que terá lugar ao longo do ano 2016.

Ata entón, o pleno municipal acordou unha redución do nivel de complementos do posto de Secretaría/Intervención do Concello de Frades para equiparalo ao de municipios do mesmo tamaño que Frades. Finalmente, o pleno municipal tamén acordou os festivos locais para 2016: o 9 de febreiro (Martes de Entroido) e o xoves 29 de setembro (Festa de San Miguel).

Regulación catastral

Previamente ao pleno ordinario, celebrouse un pleno extraordinario a petición do BNG para preguntarlle ao Goberno Municipal sobre o proceso de “revisión catastral” realizado en Frades e se o Concello tiraba beneficios económicos deste procedemento. O alcalde explicou en primeiro lugar que “non se trata dunha revisión catastral, senón dunha regulación catastral que non implica revisión dos valores catastrais e que só afecta aos novos inmobles”.

Roberto Rey explicou que “a regulación está desenvolta de oficio polo Catastro, sen ningún tipo de actuación por parte do Concello”. Unha regulación que o Ministerio de Facenda acordou o 21 de outubro de 2014, dando un prazo para acometela ata o ano 2016. Frades, canda outros 28 municipios da provincia da Coruña, acometeron o proceso durante este ano 2015.

O alcalde indicou que “o Concello de Frades non cobra taxa nin saca beneficio algún” deste proceso e que “os veciños que viñeron preguntar foron informados e puxemos o noso persoal á súa disposición para facer calquera tipo de reclamación”, ao tempo que apuntou que o Concello colaborou cos usuarios dos Servizos Sociais que non tiñan medios para facer fronte aos 60 euros de gasto.

Ademais, Rey Martínez lembroulle ao grupo municipal do BNG que o pleno municipal do pasado mes de agosto aprobou unha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as edificacións nas que se desenvolven actividades gandeiras e agrarias. Unha modificación da ordenanza fiscal municipal que foi aprobada cos votos a favor do Grupo de Goberno e coa abstención do BNG. Roberto Rey reiterou que “dende o Concello de Frades estamos facendo todo o posible dentro do noso ámbito competencial para que os nosos gandeiros poidan obter a máxima bonificación posible do IBI das súas explotacións”.