Aberto o prazo de inscrición nesta actividade que busca impulsar este deporte acuático tanto entre a xente nova como entre adultos
O Concello de Neda organiza durante todo o mes de agosto un curso de paddle surf na praia do Puntal. A proposta, para a que dende hoxe mesmo se abre o prazo de inscrición, busca aproveitar o verán para
promocionar entre o conxunto da poboación disciplinas deportivas que permitan desfrutar do medio natural do municipio dende unha perspectiva diferente.
O curso, aberto a veciños e veciñas a partir dos 8 anos de idade, desenvolverase os luns e mércores do vindeiro mes-arrancará o luns- entre as 11 e as 13 horas, e será impartido polos monitores da escola valdoviñesa Asolas no Puntal, con máis de 20 anos de experiencia. Trátase dunha proposta, que garante aos participantes diversión, mentres se inician neste deporte, de forma progresiva, segura e sempre acompañados dun monitor.
En total serán nove clases nas que o alumnado adquirirá pautas de seguridade; aprenderá a poñerse en pé sobre a táboa, e a remar; descubrirá as manobras para dirixila, e, finalmente, desfrutará de pequenos percorridos polas augas mansas desta zona da ría de Ferrol (xunto á praia nedense da Magdalena).
A actividade de paddle surf está aberta a rapaces pero tamén a persoas adultas da localidade. As prazas son limitadas é os interesados en participar terán que inscribirse esta mesma semana, chamando ao teléfono da Casa da Cultura (981 39 02 33).
O Concello de Neda, no marco das políticas de promoción do deporte, asumirá unha parte do custo do curso, tendo que aboar os participantes unha cota de 15 euros no caso de seren menores, e 25 €, se son maiores de idade. Ao reservar praza serán informados do procedemento de pagamento